Monumento de carácter funerario do Neolítico (IV-III milenio a.C.) atopado en Dombate, Borneiro (S. Xoan), Concello de Cabana de Bergantiños.
O Megalitismo caracterízase pola construcción dunha serie de monumentos funerarios, posiblemente tamén demarcadores de terrirorios, con pedras de gran tamaño (ortostatos) na que se precisaría a colaboración de varios indivíduos -indica unha certa cohesión e organización social- e que da idea dun dos primeiros exemplos de vocación de perdurabilidade atopados ata o de agora.
O período no que se constrúen estes monumentos chega, que se saiba, máis ou menos ata a Idade do Bronce. Aínda non coñecían os metais e a utillaxe atopada corresponde a pezas líticas tanto talladas coma pulidas, cacharros de cerámica e, malia que debido ás características edafolóxicas e climáticas da nosa rexión, non chegaron ata nós, tamén deberon dispoñer de instrumentos realizados en madeira ou óso. |

|
Dende Via Auria felicitamos a iniciativa para o proxecto de recuperación e musealización do Dolmen de Dombate, impulsado pola Deputación da Coruña, que se prevé estará aberto ó publico en 2007 e que ten como obxectivo a creación dun centro de interpretación que contará cun xardín científico e con distintos talleres didácticos.
A intervención formulada constitúe unha proposta pioneira e innovadora, que consiste na cubrición do dolmen cunha singular estrutura de cristal, a modo de vitrina, que permita contemplar o monumento megalítico dende distintas perspectivas e contribúa a conservar as pinturas que existen no seu interior. |
|
"A FORNELLA" OU DOLMEN DE DOMBATE
Escavado nos anos 1987, 1988 e 1989, baixo a dirección de José María Bello Diéguez, puxo ó descuberto dous monumentos diferentes:
- un túmulo antigo, de 10.5 m de diámetro e 1 m de altura, cunha estrutura interna formada por unha cámara de nove ortostatos aberta ó leste.
- un túmulo recente, de 24 m de diámetro e 1.8 m de altura, que presenta como estrutura arquitectónica interna unha anta composta por unha cámara poligonal longa, de sete ortostatos, aberta ó exterior a través dun corredor de tres tramos, orientado ó leste-sueste, ben diferenciado tanto en planta como en alzado.
OS MATERIAIS ARQUEOLÓXICOS (no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña-Castelo de San Antón)
Diferentes tipos de ofrendas funerarias, depositadas durante os aproximadamente 2000 anos que se empregou como lugar de soterramento.
- no túmulo antigo, unha doa de colar e, sobre a coraza da zona noroeste, un cacharro de cerámica lisa con restos rituais de comida.
- no túmulo recente, un conxunto de follas de sílex, trapecios, puntas de frecha, machados de pedra pulida e múltiples fragmentos de cerámica decorada correspondentes a distintas etapas da prehistoria. Na entrada ó tumulo localizáronse 20 idoliños de pedra colocados en ringleira, algúns dos cales semellan ter características antropomorfas.
GRAVADOS E PINTURAS DO INTERIOR DO DOLMEN
Gravados: atopáronse nas lousas da cámara e consisten nunha serie de motivos xeométricos (liñas onduladas, zigzags, algún círculo, e un motivo de significado descoñecido que tamén se repite noutros dolmens da Península Ibérica dende Galicia ata Portugal e Andalucía, coñecido na arqueoloxía como "the thing" (a cousa).
Pinturas: realizadas sobre unha base de caolín, empregando as cores negra e vermella e documentadas en tódalas lousas da cámara e do corredor. Na súa realización obsérvase unha tendencia xeral á composición de espazos xeométricos formados por reticulados bordeados de puntos e liñas onduladas. |