De Malpica ao cabo de San Hadrián
Seguiremos o “Paseo” da praia de Area Grande e, no remate dela, baixamos ó areal para subir unhas escaleiras e continuar por un cómodo camiño ata a seguinte praia (Seaia) onde veremos dunas, auga potable e unha área de recreo con mesas e barbacoas.
Ó fondo do merendeiro continúa un camiño que enlaza cunha pista de terra que leva á Ermita de S. Hadrián.. Camiñamos co mar á dereita e vistas sobre o Golfo Ártabro.
Á metade do camiño podemos refrescarnos nunha fonte de tres caños e, na base da ermita atoparemos outra fonte de abundante caudal, célebre na tradición popular polas súas propiedades curativas. Ó seu carón, unha árbore coallada de panos atados, é craro indicio da busca de bendición polos seus devotos que os mollan na auga e despois os deixan atados nas pólas.
Continuamos até o mirador dende onde divisamos Malpica, Razo, Caión, Arteixo, Coruña e, en días craros, Ferrol e Cabo Prior.
Deixamos San Hadrián e subimos pola pista asfaltada que enlaza coa estrada que dende Malpica sube a S. Hadrián, neste cruce, subimos á dereita e, a máis ou menos 100 metros, descendemos á dereita por un camiño de terra con vistas sobre as Illas Sisargas.
|
 |
 |
Vistas da igrexa de San Hadrián, illas Sisargas e fonte do Santo. |
|
 |
 |
Relevos reaproveitados nunha casa en Sorrio, nas proximidades de Seaia |
|