Terras dos Moscoso: Mens - Barizo - Niñóns - Beo - Cabo Sto. Hadrián - Seaia - Malpica

 

 

Nas imaxes da dereita: heráldica dos Moscoso e fragmento dun poema de D. Rodrigo de Moscoso, recollido no Cancionero General de Hernando del Castillo, en 1511.

É salientable o interese desta Casa pola cultura. Non podemos esquencer tampouco o soneto en galego-portugués atribuido á poeta renacentista Isabel de Castro e Andrade, casada co V Conde de Altamira, La Araucana (1589), testemuño literario dos Séculos Escuros, escrito no século XVI e louvanza do poeta Alonso de Ercilla.

 

Dombate | Malpica-San Hadrián | Monte Branco | Malpica-Razo | Foz do Anllóns

AS TORRES DE MENS

As fortalezas de Mens, Cira, Altamira e Vimianzo, todas elas propiedade da Casa de Altamira, eran recintos estratéxicos frente ás intencións da igrexa. Datan do s. XV, e foron edificadas sobre outra fortaleza anterior derrubada en 1467-1468 (rebelión irmandiña).

O condado de Altamira , que representa a unha das catro liñaxes más antigas de Galicia, a poderosa familia Moscoso , protagonizou unha longa disputa coa Mitra compostelana polo dominio destas terras.

 

Os Moscoso , dende as torres de Altamira pretendían impoñer o seu dominio sobre as terras de Amaía. O arcevispo Fonseca ordeou o derrubamento das torres cun nutrido exército ao mando do seu irmán Luis de Acevedo que foi derrotado en 1455 e a Fonseca pechárono durante dous anos no cárcere de Altamira ata o pago dun rescate. Para celebrar esa victoria, Lope Sánchez de Ulloa e Moscoso autoproclámase conde de Altamira. En 1554 o pleito resólvese a favor da Mitra compostelana que recupera Amaía.

As Torres de Mens actualmente son tres, cunha vivenda e outras construcións anexas. A torre central, con corredor de madeira e tres plantas, da acceso ao recinto amurallado por unha porta oxival e, segundo Madoz, parece que tivo unha ponte levadiza. Na torre da homenaxe está o escudo dos Moscoso que representa unha cabeza de lobo. E a terceira torre, máis baixa, está situada na parte posterior.

Di a lenda que “ o conde do castelo raptou unha moza da aldea e retúvoa no castelo. Cando os veciños asaltaron o castelo, o conde quixo fuxir por un pasadizo que din que existe (non está demostrada a existencia de tal túnel) entre o castelo e a igrexa románica de Santiago, pero os veciños prendéronlle lume ás dúas bocas e alí quedou. Desde entón o trigo e o millo que medra enriba do suposto túnel marelea cedo en memoria daquel feito” .

En 1872 adquire a propiedade das Torres Pedro María de Abelenda e, en 1989 un descendente daquel, reconstrúe o conxunto e é merecedor do Premio Europa Nostra 1993, de arquitectura civil.

COSTA DA MORTE

A teoría máis razoable en canto o territorio que ocupa, falaría dunha entidade supracomarcal que comprendería os concellos de Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Zas, Vimianzo, Camariñas, Muxía, Dumbría, Mazaricos, Fisterra, Cee, Corcubión e Carnota, espallados polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira, e Fisterra.

A historia dos naufraxios nesta costa (máis de 140) semella dar nome a esta parte da costa galega. Eugenio Carré Aldao, na súa obra Geografía del Reino de Galicia, (principios do século XX), é un dos primeiros en aludir ao nome de Costa da Morte. Según él, procede dunha vella lenda recollida xa polo Licenciado Molina a mediados do s. XVI, cando fala de Fisterra, decindo que é a fin da Terra, e que á dereita desta punta descoñécese todo tipo de navegación e que a partir de aquí nunca se navegou.

Pero moito antes, os gregos xa aportan unha acepción distinta. Falan, enlazando coa tradición da traslación das almas na barca de Charonte pola lagoa Estixia e referíndose a esta zona, de Dutika Mere que significa rexión da desgracia ou da morte: Helios, desaparece a diario no mar, conducindo a barca da escuridade e penetrando en Hades, país dos mortos, que o Deus-Sol atravesa para voltar por vías misteriosas ao leste, aparecendo ao amencer con todo o seu resplandor.

CASTRO MARÍTIMO DE PUNTA GALEANA: á esq., vista do castro ás nosas cóstas e á dta., vista aérea.

O CABO DE SANTO HADRIÁN, OU MONTE DE BEO, OU CASTRO DE BEO E CERTAS REMINISCENCIAS CASTREXAS

POSTERIORMENTE CRISTIANIZADAS.

Modela estas terras un substrato rochoso moi antigo formado por grandes cristais de feldespato que se considera un punto de interese xeolóxico polo tipo de rochas que aparecen. Vémolo nas formacións que achamos no “portiño” e que a tradición cristiana atribúe a unha serpe que, tentando cruzar o mar cara as Sisargas foi pisoteada por Santo Hadrián, cando predicaba por estas terras, e tamén, froito da erosión, as dúas pías que din ser as pegadas dos seus pés. Tanto Cuevillas como Bouza-Brey falan de cultos precristiáns da serpe (ofilátricos) en época castrexa e, o monte de Beo ou de Santo Hadrián tamén conserva toponimia que evidencia a posible ubicación dun castro (Bico do Castro).

Nas aldeas de Seaia, Sorrio en nun caso en Malpica, tamén podemos ver nas lumieiras dalgunhas casas relevos en pedra de cruces e serpes.

Outra tradición cristianizada é a que na romaría de Santo Hadrián leva a moitos fieis a mollar panos na auga da fonte que hai ao pé da ermida, pasalos polas verrugas e atalos nas ponlas da árbore que está xunto á fonte. Tamén recorda vellos cultos paganos á auga (hidrolatrías) como elemento sandador.

AS ILLAS SISARGAS

Arquipélago situado a 750 metros do Cabo de Santo Hadrián, formado por tres illas: Grande, Malante e a Chica.

A día de hoxe, son propiedade de cinco descendentes da Casa de Altamira : os catro irmáns De la Cierva Osorio de Moscoso e do Grande de España José María Ruiz de Bucesta Osorio de Moscoso (cuñado da raíña Fabiola de Bélxica).

Deshabitadas dende hai séculos, quedan nelas os restos da ermida de Santa Mariña, disque derrubada polos normandos, dun vello faro na punta Chanceira e da lembranza de naufraxios como o do Magnánimo, o Malante ou o Bahía. O edificio actual foi ata hai pouco destiño para os fareiros novatos, no que pasaban turnos de 15 días, en compaña do mar e, como non, dunha reserva ornitolóxica de primeira orde (polo menos ata o desastre do Prestixe).

MALPICA

Malpica de Bergantiños seica naceu como porto baleeiro. No século XVII, Jerónimo del Hoyo escribe que neste porto era onde máis baleas se pescaban de Galicia: "Péscanse cada año siete u ocho ballenas, dos más o menos, arriendan los vizcaínos, que son los que la pescan; al arçobispo páganle casa año siete mill maravedís y estos son renta fixa". Hai tres anos atoparon unha vértebra de balea ao facer os alicerces para un edificio.

José Más, na súa novela La Costa de la Muerte , descrebe a lonxa e a descarga do peixe nos anos 20, sita na actual ubicación da “Casa do Pescador”: "En cuanto las barcas pasaban la plancha, las mujeres, con los pies desnudos y las piernas al aire, avanzaban en grupos de cuatro o cinco para aferrarse a la proa y ayudar a sus hombres en la complicada y laboriosa tarea del desembarco... con grandes cestas, y ayudadas por la tripulación, la iban trasladando [la pesca] a un rincón de la plaza que por un milagro estaba libre... Vacía la barca, los marineros y el patrón marchaban... Quedaban, por lo tanto, como únicas dueñas del producto de la pesca las mujeres. Ellas mismas hacían el reparto" .

Dende entón, as reformas da enseada e do dique de abrigo que pecha o rompente cara “A Plancha” aínda se siguen facendo hoxendía e a natureza bate salvaxe contra él sobrepasando, en ocasións, as ondas porriba do espigón, tal como se ve na imaxe.

Asociación Cultural Vía Auria, sen ánimo de lucro e con sede en Ourense. Número de Rexistro 2005/008617-1 (OU)© 2005 Vía Auria