SENDEIRISMO COS CINCO SENTIDOS

MENÚ PRINCIPAL | ROTEIROS FEITOS | GALERÍA | LIGAZÓNS | GALICIAS | CONDICIÓNS XERAIS | O TEMPO | Favoritos
Fragas do Eume

 

Este Parque Natural, así declarado en 1997 polo Goberno Autónomo, sitúase ó noroeste de Galicia, entre a ría de Ares e as estribacións galegas da Dorsal Galega á altura da Serra da Loba e esténdese por unha superficie de 9.125 ha.

A súa área ocupa os cinco concellos da comarca do Eume: As Pontes de García Rodríguez, Monfero, A Capela, Cabanas e Pontedeume. Limita ó norde con Ferrolterra e ó sur coas Mariñas Coruñesas.

Constitúen as fragas costeiras mellor conservadas de Europa e, xunto con Killarney (sur de Irladanda) un dos escasos bosques do seu tipo do continente.

Albergan numerosas especies animais e vexetais ameazadas, algunhas relictas, así como as pegadas dun próspero pasado medieval.

 

Ruta dos Encomendeiros

Europa foi un inmenso bosque. A acción antrópica modelou a paisaxe polos asentamentos e explotación dos recursos especialmente no litoral.Hoxendía só sobreviven unhas pouquiñas masas forestais ailladas e lonxe da costa. E, o máis lamentable, por non seguir unha axeitada política de prevención de incendios.

As fragas do Eume lograron escapar da explotación humana intensiva grazas ó encaixado do val así como ás condicións climáticas marítimo-tépedas, de entre 15 e 11 graos e abondosas choivas. Todo favorece un microclima especial ó que se une a súa orientación leste-oeste, que favoreceu durante milenios a diversidade natural.

 

O RÍO EUME

Río Eume

LENDA SOBRE A ORIXE DO RÍO: "Cando Deus creou os ríos, mandou nacer tres xuntos na Serra do Xistral. Aínda que as fontes manan do mesmo lugar, foron abocados cara a distintas ladeiras e recibiron a promesa de que cada ano tería un home aquel que primeiro chegase ó mar. Deulles categorías divinas e chamoulles, con resonancias gregas, Eume ó da rampla de poñente, que debía fertiliza-la terra das Pontes; Landro ó da vertente norte, que tería que fecunda-las carballeiras e facerlles producir landras; e Masma ó da faldra de raiante, que crearía coa súa chegada ó mar as marismas. Xusto despois de naceren, acordaron descansar un pouco no camiño, pacto que só cumpriu o Eume. Ó decatarse da traizón dos compañeiros, enfurecido, acelerou a súa marcha pola Capela e Caaveiro, e logrou chegar primeiro. Por iso tódolos anos afoga unha persoa nas súas augas". Lenda recollida por José Varela.

A VEXETACIÓN

Érbedos, castiñeiros, ameneiros, freixos, salgueiros, olmos, loureiros, acivros, abeleiras, bidueiros... amáis de 28 especies de fieitos, sete delas relictas, máis da metade das especies de brións e liques de Galicia, etc. conforman estas fragas ou "selvas" galegas.

Culcita macrocarpa
Fungos
Davallia canariensis

Aqui consérvanse reliquias da flora subtropical que cubría o contorno do Mediterráneo dende hai 50 millóns de anos, como a Woodwardia radicans ou a Culcita macrocarpa.

OS ANIMAIS

  • Doce das quince especies de anfibios de Galicia. A salamántiga galega, co seu longo rabo e a súa cor de bronce convértena no animal máis peculiar e fermoso destas fragas. Pero tamén se poden atopar a rá patilonga, o sapiño troiteiro, o lagarto das silvas, a lagartixa da serra. E, se baixas a nivel do río, réptiles como o escáncer e a cobra de colar.
  • Corenta e dúas especies de mamíferos como a algaria, martaraña, raposo, leirón, gato bravo, garduña, morcego de ferradura, coello, xabaril, corzo, cervo, musaraña...
  • Aves como o ferreiriño común, tordo galego, bufo real, peto real, falcón peregrino, azor, gavilán, falcón abelleiro, moucho, cárabo, autillo, paporrubio, escribenta irisada, cardeal...
  • Invertebrados endémicos como o caracol Elona quimperiana e a babosa Geomalacus maculosus.

O MOSTEIRO DE CAAVEIRO

Mosteiro de Caaveiro

Fundado a finais do século IX, na vila de Calavario (da raíz latina calav=rochas graníticas intrusivas) e integrado por unha pequena comunidade que nunca pasou de nove eremitas, aínda que persoeiros como S. Rosendo ou o bispo mindoniense Pedro atoparon aqui retiro.

Parladoiro de Caaveiro
Fachada e ábside
Fiestra cara ás fragas

 

 

Atención telefónica de 17:00 a 20:30 horas | Asoc. Cult. Via Auria, sen ánimo de lucro. 2005/008617-1 (OU) 2005 | Conta: CaixaGalicia 2091-0471-35-3040002209