|
Historia da Festa
Din as lendas que a corrida do Boi tivo a súa orixe nunha malfeitoría da colonia xudía que vivía na parte da vila que recibía o nome de Socastelo. Parece que os xudeus deran na teima de atrapalla-la celebración pacífica da procesión do Corpus, saíndo ó seu encontro cando as imaxes e o cortexo dos fieis se acercaba ó Socastelo, camiño da igrexa de Santo Estevo. Insultaban á xente, facían mofa das imaxes e dos símbolos relixiosos, metíanse cos curas e cos monagos, e todo remataba de mala maneira. Non se podía dicir que houbera mortos, pero feridos habíaos a eito.
Aquilo tíñase que gobernar, pero niguén sabía como. Entón é cando aparece Xan de Arzúa, home de conviccións relixiosas, ó que lle molestaba profundamente o comportamento dos xudeus, por iso, e para pór fin a este, decidiú saír un ano ó lombo dun robusto touro enmaromado e suxeitado polos seus criados que ían provistos de sacos con formigas e cinza para tirar á cara dos xudeus irrespetuosos, que ó ve-la actitude decidida deste home desistiron na súa.
En recordo deste acontecemento, tódolos anos pola festa do Corpus, corríase un touro enmaromado polas rúas da vila, para o que Xan de Arzúa deixara parte do seu capital en terras, coas rendas pagábase o alugueiro do boi e dábase de beber ós mozos do sedeño. O Concello administraba os bens, sufragaba os gastos do boi e da festividade do Corpus.
¿Quen era Xan de Arzúa?, ¿acaso en remotas épocas librou ós alaricanos dos horrores da guerra ou da fame?, ¿expulsou da súa terra ós mouros? ou ¿prestou, un servicio polo que se fixo digno de que o seu nome fora transmitido a futuras xeracións? ¿Acaso é un ser caprichoso que representa un ideal local ou unha aspiración popular? Nada diso, Xan de Arzúa non é máis cun boneco de palla ou cartón, harmoniosamente vestido, que despois de estar exposto ás miradas do público no balcón da Casa do Concello, é montado nun pesado boi percorrendo así, antes da saída da procesión do Corpus, tódalas rúas da vila no medio do rebumbio, e animado bulir da xente, que non cesaba de encher a paus ó pobre animal e ó seu xinete.
Non puidemos descubrir en que época viviu, nin outra cousa da súa vida, mais que era un home acostumado a que o seu nome soase entre risos e ledicia, e quixo que despois de morto acadase igual sorte. Cousa que conseguiu deixando parte dos seus bens e rendas ó pobo que fora teatro das súas ledicias, coa condición de que tódolos anos, o día de Corpus, o sacaran a pasear en efixie ó lombo dun boi. Deixou sinalada a carreira que tiña que levar, o punto de onde tiña que saír, encargando do cumprimento exacto da súa festiva vontade á xustiza do pobo.
Un boi de moitas libras, suxeitado por unha maroma, foi lanzado ás rúas para a persecución dos transeúntes pacíficos e deleite de moitos. Seis garridos homes suxeitaban o extremo do sedeño que prendía ó boi polos cornos e multitude de mans axitaban con frenesí as aguilladas coas que se picaba ó boi co fin de redobra-los seus bríos e furias.
A compra do boi foi nun comezo verificada polos "tablaxeiros", e despois o Concello pagou o alugueiro do boi e a festa do Corpus.
Con anterioridade investigase onde podía haber un boi, ou máis, que reunisen as condicións para o obxecto desexado e con eles facíase a chamada "Proba do Boi" -Xoves de Ascensión e Domingos que anteceden ó Corpus-. Unha vez elixido tratábase co dono, pagábase o alugueiro e dábase unha fianza pecunaria, ante a posibilidade dun risco que o deisaxe inservible para o labor. Feito o trato do boi, pechábase nun cortello oito días antes para ser ben coidado, de onde saía para ser corrido ó remata-lo folión do mércores na Praza Maior
A Recuperación da Festa
A recuperación da Festa do Boi tivo lugar no ano 1982 gracias a iniciativa dun grupo de mozos alaricanos que, dende sempre, oíran falar con saudade ós seus maiores desta festa que case ninguén deles tivera a sorte de coñecer: nas súas casas, nas tabernas, nas tertulias que habitualmente se formaban nas rúas, ...a conversa derivaba invariablemente á lembranza deste acontecemento xa perdido, pero enormemente arraigado na memoria e no sentimento das xentes.
Unha tarde de inverno, pasado o Entroido, no bar Romero (actualmente Arco da Vella), lugar propicio ás conversas dos veciños ó final da xornada, estas remataron unha vez máis -¡como non!- no recordo da Festa do Boi. A tertulia amigable tornouse en reto dos maiores ós mozos para ver se estes eran capaces de recuperar o que xa había vinteún anos que estaba perdido. Dito e feito. Alí mesmo formouse a primeira "Comisión", integrada por Anxo Quintana, Juan Carlos Seara, Ángel Fernández, José Ángel González e probablemente algún outro máis. Redactouse un escrito solicitando ó Concello de Allariz o correspondente permiso e unha pequena axuda económica. O permiso foi concedido, pero a axuda económica quedou pendente de estudio. O comenzo non era para desesperar, pero quedaba todo por facer, sobre todo o problema da financiamento. Así que, informándose polas persoas que coñeceran a festa nos seus últimos anos, comezaron a pedir, porta a porta, a contribución voluntaria dos veciños, como tradicionalmente sempre se fixera.
A colaboración foi xenerosa en diñeiro, pero sobre todo en emoción e entusiasmo polos máis vellos. O "nerviosismo" da festa volveu apoderarse das rúas de Allariz.
Despois da colecta, o seguinte paso foi buscar un boi axeitado, dos que xa empezaban a faltar, polo cambio dos tempos, e que xa non había en Allariz. Encontrarono na feira de Viana e correuse o domingo anterior ó Corpus para comprobar as súas cualidades; o retorno da Festa do Boi non podía facerse de calquera maneira. Así quedou instituído no sucesivo o "Domingo da Proba ".
Prevendo posibles imprevistos, compraron outro de reserva en Montederramo. Ámbolos dous, das mans dos homes do sedeño, protagonizaron as carrreiras do mércores, despois da procesión de Xan de Arzúa, e do xoves, unha as oito da mañá, outra a continuación da procesión do Corpus e, a terceira, a última hora da tarde, entre o estrondo dos bombos portugueses "Os pereiras".
Houbo que suplir con esforzo e cos recursos propios a falta de medios económicos: os membros da comisión fixeron e montaron un palco para a actuación do grupo folclórico (Rancho do Cerdal, de Portugal), coidaron dos bois durante tódolos días da festa, trouxeron e levaron a tódolos membros dos grupos que actuaron nos seus coches particulares, venderon "pañoletas", organizaron sorteos, etc., etc. Pero todo isto quedou compensado dabondo ó ver tremer de emoción ós máis vellos, e non tan vellos, cando pasaba o boi, na súa imparable carreira, diante deles. E todo foi posible pola vontade, tamén imparable, deste grupo de mozos e polo profundo cariño e respecto por este costume tan popular, pois simboliza como ningunha outra a idiosincrasia do pobo de Allariz.
A Festa Hoxe en Día
Dende 1982, ano da recuperación de "O Boi", a festa foi aumentando a súa resonancia de xeito irreversible, sendo coñecida dentro e fóra de Galiza e disfrutada cada ano por milleiros de persoas. Segue sendo un acontecemento de carácter eminentemente popular, no que calquera, sexa de Allariz ou de fóra, séntese inmediatamente integrado e partícipe do ambiente festivo que se vive ó longo de toda a semana e moi especialmente nos días grandes.
Na actualidade, a organización e realización corre a cargo da "Comisión", integrada polos veciños que voluntariamente desexen integrala e que se encargan de recoller, como tradicionalmente sempre se fixo, porta a porta, as contribucións voluntarias dos alaricanos. Esta recadación complétase coa venda de panos e xerras de cerámica, e o alugueiro de parcelas no recinto feiral.
O orzamento total ascende a uns cinco millóns de pesetas, que se distribúen no arrendamento dos bois e na contratación das charangas, grupos folclóricos e orquestras.
A medida que a Festa segue crecendo en popularidade, tamén se converte nalgo que tódolos alaricanos levamos dentro con orgullo. Os organizadores da Festa non son alleos a este suceso, e deste xeito, pretenden que cada ano a xente se involucre máis na Festa, non só coas achegas, senón tamén coa colaboración social e participativa. Este é o fin da actual "Fundación Xan de Arzúa" que en vindeiros anos mellorará para se-lo centro neurálxico que englobe a tódolos alaricanos que queiran participar nunha Festa que non debe desaparecer, e para tal fin debemos colaborar dende moi novos.
Cómo se Celebra a Festa
A festa iníciase coa "Proba do Boi" o domingo anterior ó xoves de Corpus. Como o seu nome indica, este día próbanse os bois que se correrán polas rúas. Aqueles que non reúnan calidades dabondo serán desbotados. Os que superen ben a proba serán os protagonistas principais das "carreiras".
Despois da proba, as carreiras do boi produciranse tódolos días a última hora da tarde, agás o sábado e o domingo, nos que tamén terán lugar pola mañá. As "carreiras" anúncianse con doce bombas de palenque.
O Venres, ó remate da carreira, percorrense os locais gremiais, acompañando ós Gaiteiros; do mesmo xeito o sábado acompáñanse ás charangas, percorrendo a Vila, bailando e choutando, para despois de cear, seguir ca festa na Praza Maior ca orquesta ou ben nos bares.
O venres á tarde realízase a procesión de Xan de Arzúa coa participación dos diversos gremios e autoridades civís e eclesiásticas propios do medievo. Todos eles van vestidos cos traxes da época, realizan o percorrido histórico e reprodúcense as danzas antigas tradicionais. Durante a procesión repártese viño gratuitamente a todo aquel que o desexe. A continuación córrese o boi que inaugura os días grandes. Desde estes intres Allariz convértese nunha festa continua, con charangas e grupos folclóricos polo día e orquestras e verbenas pola noite. Cómese nos gremios ou onde se pode e descánsase o imprescindible en calquera curruncho que se encontre, para poder continuar.
Este grupo está composto por:
- Catro Párrocos.
- A Xustiza e Rexemento.
- O Correxedor.
- O Tenente de Correxedor.
- Cinco Rexedores.
- O Procurador.
- O Escribán
Os gremios representaban ós distintos sectores laborais da Vila:
- Curtidores.
- Zapateiros.
- Xastres.
- Forneiros.
- Panadeiros.
- Labregos.
- Carpinteiros.
Cada gremio vai acompañado polo seu grupo de danzantes.
Os outros elementos que participan na Procesión son:
- Touro con "pelele" e sedeño. Que representa ó Xan de Arzúa a lombos do Boi.
- Foleiros. Repartidores de fariña conformigas, que en tempos espantaban ós xudeos.
- Tarasca.
- Carro do Viño. Para aliviar a calor durante a procesión.
Todos eles acompañados de Gaiteiros, coma os do "Incio" e a "Banda de Gaitas de Allariz".
|