| Allariz, Vila e Corte románica |
Un trazado medieval deliciosamente harmónico tanto estética coma funcionalmente, que baixa, con señardade, dende o Campo da Barreira ata o Arnoia e que aglutina ao pé dunha das maiores prazas fortificadas de Galicia, seis igrexas, un mosteiro, unha chea de museos, unha ponte románica, unha encomenda templaria, varios castros (un deles de máis de 11 ha , na calzada secundaria da Vía Aquae Flaviae cara Lucus Augusti), idílicas paisaxes, artesanía, suculenta gastronomía...son algúns dos moitos atractivos que invitan a admirar e disfrutar deste pobo tan acolledor e tan atinadamente recuperado.
É para nós inevitable, poñelo como paradigma do que representa un escrupuloso respecto pola tradición e a esencia da nosa cultura galega. De aí que Allariz mereza para Via Auria, "capítulo aparte" e que dende aqui, demos os máis sinceiros parabéns a tódolos alaricanos por, entre todos, faceren posible esta miragre.
S.Salvador dos Penedos| O boi | Castro de Armea | Allariz |

Ponte de Vilanova. Ó fondo, o outeiro onde aínda podemos ver as ruínas do Castelo e que ofrece unhas fermosas vistas da vila e de toda a contorna. |
¿Que segredos agochan os calexóns desta vella fortaleza, berce e residencia Real?.
Inspiración das Cantigas que o rei Alfonso X o sabio escribíu, en boa parte, nesta Vila, fornecen un Conxunto Histórico Artístico declarado como tal no 1971, que conta con múltiples galardóns:
-Premio Europeo de Urbanismo e Planificación Territorial, pola "Ordeación e Recuperación Integral do Conxunto Histórico de Allariz e o seu Rio", condedido pola Unión Europea, en 1994 cando competía con cidades coma Bruxas ou Berlín.
-Seleccionado entre as doce primeiras experiencias de desenvolvemento integral de toda España nos Catálogos de “Boas Prácticas”, editados polo Ministerio de Fomento en 1996 e 2001 seguindo criterios da Organización de Nacións Unidas “Habitat II”.
-Recentemente declarado pola UNESCO como Reserva da Biosfera.
-Elexido como modelo de desenvolvemento en múltiples Foros de debate, Xornadas, Seminarios, Masters universitarios,…
|
Situémonos no espazo:
Allariz é un concello da provincia de Ourense de 85 km2 de extensión. A poboación do concello ronda os 5.500 habitantes espallados en 92 entidades de poboación agrupadas en 14 parroquias. A súa densidade de poboación é de 90 h/Km2, relativamente alta en contraste cos 50 h/km2 da provincia.
Allariz atópase ben comunicado, xa que unha das vías de acceso a Galicia, a autovía das Rias Baixas (A-52) que sitúa a Vila de Allariz a menos de vinte minutos de Ourense, a unha hora de Vigo e a cinco horas de Madrid. Para vir dende Santiago hai que coller a estrada N-525 en dirección a Ourense e dende aí achegarse a Allariz, levando todo o traxecto pouco máis de hora e media.
|
 |
Situémonos no tempo:
Vestixios como o Castro de Armea amosan a impronta que deixaron aquí as influencias culturais dos nosos antergos na Prehistoria.
Disque un cabaleiro chamado Alarico (identificado noutrora co xefe visigodo do século V que participóu na división do Imperio Romano á morte de Teodosio e asaltóu Roma) foi quen a repobou, alá polo século VI, con carácter agrícola, dándolle o nome de 'Vila Alaricii'.
Foco da monarquía galaico-leonesa no s. XII, dende a fortaleza ubicada no outeiro que domina esta vila, revisten especial importancia os anos en que se produciron as guerras contra a expansión secesionista de Portugal no senso de deteñer a absorción do sur de Galicia.
Alfonso X o Sabio , que vivíu nesta vila, onde posiblemente compilou As Cantigas, concedéu a Allariz importantes prerrogativas, aínda que os alaricanos, pouco contentos con el sublévanse en favor do infante Don Sancho quen pasa a nomeala“Chave do Reino de Galicia". En 1471, os Irmandiños asedian o castelo durante nove meses, pero a Desamortización, no XIX, será a causa principal do deterioro arquitectónico que se manifesta na ruína do Mosteiro, a destrución do castelo e de gran parte da muralla que se utilizará para facer a estrada". |
|
Hoxendía adica máis de 35.000 m2 de solo destinado a completar o sistema de parques no tramo urbano do río Arnoia. Máis de 40.000 m2 de solo destinado a dotacións equipamentais : camping municipal (de 1ª categoría), estación de autobuses, etc... Máis de 6.000 m2 construídos en edificacións de interese destinadas a desenvolver o Parque Etnográfico do Río Arnoia : Museo do Coiro, Centro de Documentación etnográfica de Vilanova, Museo do Tecido, Museo de Moenda ( Muíño do Burato ) e o Museo Galego do Xoguete. Máis de 3.000 m2 en edificios destinados a incrementar a oferta turística a través de concesións administrativas: Cafetería a Fábrica, Mesón do Portovello, Pousada Torre Lombarda, (antigas tenerías), Restaurante Acea da Costa, casas de Turismo rural: Muíño do Briñal e Casa do Briñal (antigos muíños de auga ).
Outras institucións de interese son a Casa da Cultura, no antigo Cárcere; Centro Social, no vello Pazo do Xulgado; Oficina de Medioambiente, na casa da Paneira; Oficina Municipal de Rehabilitación; Centros Sociais das distintas parroquias, antigas Escolas Unitarias; Fornos Comunais; lavadoiros; etc... |
Suxestión de recorrido para coñecer o casco urbano
-
Templo de San Esteban, na praza do mesmo nome: igrexa parroquial con elementos románicos do século XI e sartegos encaixados en arcos cegos con medio relevo de cruces de Santiago. No século XVI engádeselle unha torre de chapitel. No interior destacan os seus retábulos barrocos e altares do taller de Castro Canseco.
Dende San Esteban podemos subir ó emprazamento do Castelo,para despois voltar ó mesmo punto e seguir as rúas da Fontaíña vendo casas góticas do século XVI e a Cruz dos Ferreiros, que nos levará ás prazas da Vila e de Abaixo.
|
|
Castelo de Allariz: Doado polo rei castelán Xoan II ó terceiro Conde de Benaventa, Alonso Pimentel, ó último dono foi o Marqués de Malpica.
-
Praza da Vila, enmarcada por:
- Igrexa de Santiago: do século XII. Tivo claustro e ábrese ó exterior con dúas portadas de románico arcaico, ventanais e rosetón amáis dun ábside semicircular profusamente decorado. Posúe unha torre de reloxo de tres épocas e, no interior, un arco triunfal apuntado, capelas góticas, retablo renacentista, imaxe da Expectación da Virxe, de Juan de Juni;e os sartegos con estatuas xacentes de Nuno González de Puga e da súa segunda dona.
|
 |
-
Casa da Paneira: cunha fermosa fonte na fachada esculpida en 1793 aproveitando un arco de barbacana da muralla. No seu interior podemos coñecer a evolución urbanística da vila mediante planos que indican a ubicación e reformas do castelo e a muralla. Entre o século XVI e XVIII albergou unha Institución de Crédito Agrícola municipal á que debe o seu nome. Pola mesma zona, os moradores do Castelo, que o era tamén da fortaleza. Un conducto, aínda hoxe recoñecible, unía as dúas edificacións, saíndo ó exterior do primeiro recinto amurado da Vila a través dunha arcada inmediata á actual fonte. A finais do s. XVIII construíuse a Fonte da Praza, ó mesmo tempo que se trazou a primeira conducción de augas á Vila baixo a dirección de D. Miguel Ferro Caaveiro. A coroa marquesal sofriu un atentado a martelazos en 1931. En 1997 este inmoble pasou a propiedade municipal e, tra-la necesaria rehabilitación, acolleu as dependencias administrativas da Área Municipal de Medio Ambiente e, na pranta baixa, unha Exposición Permanente da Evolución Urbanística da Vila.
Casa do Concello
Casa dos Enríquez: coñecida tamén por Casa do Mesón, do século XVIII, con interesantes ménsulas no balcón. Baixamos pola Rúa Vilanova que alberga arquitectura do s. XVI.
|
PARQUE ETNOGRÁFICO DO RÍO ARNOIA:
O Parque Etnográfico do Río Arnoia está integrado polos seguintes elementos:
Muíño do Burato: situado á beira do río Arnoia, é unha mostra representativa dos numerosos muíños hidráulicos que se poden atopar ó longo do río, nun lado da ponte de San Isidro. Dende a súa rehabilitación, en 1992, un muiñeiro amosa ós visitantes a tradicional moenda de gran de cereal.
Muíño do Tecido "O Fiadeiro": Allariz foi importante zona de producción de liño e elaboración de tecidos durante o século XX. Ubicado no vello matadoiro. Amosa todo o proceso lo liño amáis dos úteis para a súa recolección e tratamento como un antigo tear en uso e diversas pezas antigas tecidas a man. Ademais, conta cun pequeno espazo adicado a obradoiro onde se realizan e poñen á venda traballos de liño, algodón e lá. Praza do Matadoiro s/n.
Museo do Coiro " Fábrica de Curtidos Familia Nogueiras ": nel aínda se poden observar os pilos da curtición e as ferramentas empregadas neste oficio, o que, xunto coas explicacións dos paneis e do guía, permiten comprender todo o proceso de curtición.
Museo Galego do Xoguete: é unha exposición de gran interese, que recolle unha colección de aproximadamente 700 xoguetes doados polo veciño de Allariz Alberto Oro Claro. A esta importante colección estanse engadindo outras cesións de numerosos visitantes, entre os que se atopa unha colección de 800 cadeiras, pendente de incorporar ó Museo.
O prezo das entradas é simbólico. Hai tamén un bono para visitar o Parque Etnográfico completo, por un custe aínda menor. |
| |
|
|
OUTROS MUSEOS
Museo de Arte Sacra de Santa Clara: Campo da Feira (A Barreira)Tel. 988440702. Ubicado no mosteiro de Santa Clara.Arte sacra e orfebrería litúrxica barroca
Museo Iconográfico de Allariz - Fundación Aser Seara Rúa do Portelo, 4 Tel 988 440859. Recolle a colección de arte do Dr. Aser Seara, recopilada dende 1960.
Museo Parroquial de Santa Mariña das Augas Santas. Ubicado na casa parroquial de Santa Mariña de Augas Santas. Orfebrería en prata e 130 xerriñas do século XIII atopadas nas inmediacións da basílíca inconclusa da Asunción e do castro de Armea, posiblemente deixadas alí como exvotos.
|
 |
REAL MOSTEIRO DE SANTA CLARA
"...Isaac Maor da dita vila D'Allariz dara a abatisa do Mosteiro de Santa Crara que se está a façer e a fundou a Raiña Dona Violante, por o prezo que se establecere..." (Carta transaccional xudeo-cristiana datada o 23 de maio de 1289).
"Es de patronazgo real fundolo la reina doña Violante y su hijo el rey don Sancho, en la era MCCCXXIV". (Inscripción fundacional ubicada no arco dunha porta tapiada na fachada NE baixo as armas reais con dúas aguias e unha coroa".)
|
Será Ferro Couselo quen despexe todo xénero de dúbida sobre a fundación do Mosteiro pola raíña Dona Violante, dona de Alfonso X o Sabio, ó atopar o Cartulario fundacional que, curiosamente, facía de cuberta dun volume do arquivo de Facenda.
O seu interior alberga dende 1977 un museo de arte sacra con pezas excepcionais de orfebrería litúrxica e dúas pezas senlleiras dentro do panorama das artes suntuarias en Europa, doadas pola raíña Dona Violante segundo o testamento de 1292: a "Virxe Abrideira de marfil" e a "Cruz de Cristal".
A Virxe Abrideira: Encádrase na iconografía de marfil de Limoges do século XIII, ó igual que as das Catedrais de Sevilla e Toledo. Tallada nunha sóa peza e cunha alzada, sen a peana, de 0.251 m, intégrase con dúas pezas xiratorias máis pequenas, que no exterior representan a imaxe da Virxe e, no interior garda un tríptico con once esceas da vida e paixón de Cristo.
|
|
A Cruz de prata e cristal de rocha: É unha peza gótica con engarces e esculturas de prata dourada, sobre peana con esmaltes realizados en París, posiblemente no taller de Guillaume Julien, cara ó 1300. Acompañando ó Crucificado están a Virxe, San Xoán e dúas figuriñas ourantes que representan ós monarcas coroados, Violante de Castela e Alfonso X, O Sabio.
|
|
S.Salvador dos Penedos| O boi | Castro de Armea | Allariz
|
|