| A Clamadoira |
Pastorela ¡Que claro se abre o camiño que vai direito ata a serra! Tanguendo no seu rebaño, por el sube Pastorela, unha man sobre o caxato e na outra a súa merenda. Unha cabriña vai coxa, cega dun ollo unha ovella. Por iso Pastoreliña paseniño vai á serra. Pola cume doura o sol, que nas sombras azulexa. No picouto érguese a ermita onde Pastorela reza... ¡Que claro se abre o camiño, que vai direito ata a serra!...
Dora Vázquez “Recordos da miña xuventude”
|

|
|
CONCELLO : Muíños
SITUACIÓN: sudeste da provincia de Ourense no extremo sur da comarca da Baixa Limia e fronteira con Portugal.
SUPERFICIE :109,7 Km 2
POBOACIÓN : 2100 habitantes
CLIMA : a precipitación oscila entre os 1000 e os 1200 mm anuais e a Temperatura media anual entre os 8- 10ºC e escasa presencia de neve ou xeadas.
FLORA: Carballeiras de cerquiños (quercus pyrenaica) mesturadas con castiñeiros, nas zonas máis escarpadas, compleméntanse con alcornocais, acibros, texos e loureiros (prunus lusitánica) e deixan paso a toxeiras, breixos e carpazas no resto do territorio. |
|
XEOMORFOLOXÍA : Serra do Pisco , fronteira natural con Portugal, Nevosa e Fontefría ( 1559 m ) que se precipitan sobre un val a só 260m sobre o nivel do mar e que configuran unha paisaxe de fortes pendentes e abundantes fervenzas nos ríos Limia , escavado na fractura da Serra de Sta. Eufemia e a Serra do Quinxo, o seu afluente, o Salas e o regato Salgueiro .
O XURÉS : O encoro do Salas, danos hoxe a benvida ó Parque Natural Baixalimia-Xurés que ocupa unha superficie de 20.920 Ha .
A primeira ocupación efectiva desta zona tivo lugar, segundo os últimos estudios, a partir de mediados do IV milenio a.C. polos primeiros pobos agricultores e pastores.
Cando nos achegamos ó encoro de Salas podemos observar, á dereita da entrada do dique, un exemplo dos numerosos monumentos megalíticos que se espallan por todo este territorio e que serviron de túmulos funerarios en torno ó 3000 a .C.: a “Casiña da Moura” (dolmen de corredor que se trasladou pedra a pedra a este lugar e que fora escavado alá polo 1927 por López Cuevillas e en 1972 por Ferro Couselo). |
|
Atravesamos o borde do dique e atopamos outro expoñente destas construccións: a “Casola do Foxo” (dolmen de cámara simple e que sacou á luz restos de cerámica campaniforme).
Pero será ó final da nosa ruta cando teñamo-lo privilexio de camiñar sobre a maior necrópole megalítica descoberta ata o de agora no sul de Ourense: as chairas da Clamadoira e Porqueirós, onde se teñen contabilizado ata 60 dólmenes).
Tamén é abondosa a presencia de castros, moitos deles romanizados: Picós, Xermeade, Pisco, Guntimil...
Hoxendía, alberga unha poboación regresiva e diseminada que se concentra preferentemente en zonas propicias para a agricultura, nas “terras pardas” de Mugueimes, Requiás, Guntimil, Prado...
Terra parda mesotrófica : solo fértil cuns horizontes potentes caracterizados por unha drenaxe idónea para os cultivos.
|

|
SALGUEIROS: Coa colaboración de dous axentes do Parque que nos servirán de apoio, visitaremos un pobo abandoado a mediados do século XIX que ofrece unha curiosa etnografía con elementos arquitectónicos de boa factura que revelan unha próspera vida comunitaria baseada na gandeiría e no contrabando. Aséntase sobre un pequeniño val a 1000 m de altitude e está próximo a Pitoes das Junias (Portugal) e ó río do mesmo nome: Salgueiro. |
|
|
A CLAMADOIRA
Como final de ruta contemplaremos as fermosas vistas que nos ofrece a Clamadoira que, xunto con San Benito do Baño, e o Viso formaban o triángulo Sagrado da Baixa Limia. Esta interrelación quedou totalmente quebrada coa inundación do encoro, ó asulagar o Baño e crear unha fronteira entre o Viso e a Clamadoira que dificultou a concurrencia de unha e da outra veira da Limia.
|

|
|
GASTRONOMÍA
Algunhas receitas de cociña características da Baixa Limia son:
Zarrabullo
Prato de inverno feito co sangue do porco. Amasan o sangue do porco con fariña milla ou centea, engaden sal e cóceno en forma de boliñas durante 20 ou 30 min. Preséntanse cortadas en rodelas finas acompañadas de cebola frita e pan millo.
Formigos
Bótase pan duro nunha pota, engádese un litro de leite, 4 ovos batidos, ¼ Kg de azucre e un chisco de sal. Métese ó forno e sácase cando empeza a dourar porriba (30 ou 40 min.)
Migallas
Seica se toma na época primaveral e no vran, cando a xente chega de traballa-las leiras e o que quere é refrescar e repoñer forzas. Unha suxestión: probádeo cando cheguedes á casa, despois da andaina.
Botamos nun xerro 1/4 de viño tinto por persoa, engadimos pan trigo, unhas culleradas de azucre e mesturamos ben todo.
Letría
Poñemos nun recipiente un litro de leite, engadimos fideos finos (pouco máis de medio paquete), ¼ Kg de azucre e un chisco de azafrán. Cócese durante 10 min e sérvese en pratos para que enfríe. Sírvese no prato cortado en taquiños espolvoreados con canela.
|
|
|