| O Val das Sombras |
“Val das Sombras: a agresividade do relevo, a fonda soidade e o pasmo case místico do silencio poden encher de asombro ao viaxeiro máis esixente.” "Galicia, esa descoñecida" , Franciso Javier Río Barja.
As serras de Santa Eufemia, o Pisco e, especialmente, o Xurés forman o bordo sur nos lindes con Portugal.
|
|
OS CIRCOS GLACIARES MÁIS BAIXOS DA PENÍNSULA IBÉRICA.
Trátase de serras de natureza granitoide nas que, ás veces, a abundancia de cuarzo crea grandes cristas que orixinan espectaculares pedregais sobre os achairados cumios.
Alternan acotío, cumios de rochas moi agrestes con espazos achairados dos distintos niveis de erosión, ribeiras cubertas de árbores petruciais con desolados espazos espidos de vexetación, pero de fantásticas panorámicas sobre os vales da cunca do Limia.
Son tamén de interese xeográfico os testemuños deixados dende hai 18.000 anos polo último período glaciar, que formou, tanto na parte portuguesa (val do río Homem) coma na galega (prados de Messe), pequenos circos e linguas glaciarias de varios km: as actuais morrenas laterais dos ríos Cabaleiros e Vilameá.
Ás veces, a nota de humanización xurde, de súpeto, na aparición dunha aldea no medio da agreste paisaxe, como en Olelas, onde aínda conservan unha gandería autóctona das chamadas vacas “cachenas”. |
Tamén é destacable a presenza do garrano (cabalo galego de monte), o lobo e a águia real.
A meirande parte da vertente galega está despoboada de vexetación arbórea. Causas naturais e, sobre todo, humanas, como o intenso pastoreo, a necesidade de madeira e a praga dos incendios son algunhas das causas da desaparición do bosque clímax e da súa degradación en breixos.
Nalgunhas valgadas aínda se amosan carballeiras mesturadas con castiñeiros. E aquí e acolá aparecen as sobreiras, os acivros e os teixos. O resto é dominio do mato.
En 1992 a Xunta de Galicia outorgou a cualificación de Parque Natural a este conxunto montañoso. De se levar a termo este proxecto, cunha repoboación de especies enxebres e unha explotación racional deste espazo natural, sería a única esperanza de recuperar un dos ecosistemas máis importantes de Galicia. |
|
CHIVANA DE PASTORES
Construción que da conta dun xeito de vida case extinto e baseado nun seminomadismo estival na procura de pastos para o gando.
Trátase dun curral rodeado de pedras chantadas intercaladas con muros de mampostería, onde se recollía o gando á noite.
No interior podemos observar unha chivana de pedra onde durmían os pastores.
Estas chivanas difiren en matices, segundo as diferentes áreas da serra. Pero, básicamente, trátase dunha construción circular con pedras de pequeno tamaño dispostas formando unha falsa cúpula, e cunha entrada adintelada orientada ao nacente. Por riba teñen unha capa de manto vexetal para illala do frío. Normalmente ocupábana dous ou tres pastores que se turnaban por días cos outros pastores do pobo segundo o número de cabezas, coidando así de todas as mandas do pobo organizadas na veceira, coma unha mostra do comunitarismo agrario existente na zona.
|
|
O WOLFRAM
A finais do século XVIII, os irmáns Elhagan, descobren un metal duro pero dúctil co punto de fusión máis alto de tódolos metais que resiste os ataques dos ácidos e ten unha importante resistencia eléctrica. Para a meirande parte dos europeos nace o wolfram mentres americanos e ingleses dan en chamalo tungsteno.
O seu uso vai dirixido fundamentalmente á fabricación de filamentos para lámpadas de electrodos, resistencias para fornos eléctricos. Pero o feito de que tamén sirva para endurecer o aceiro provocará un fenómeno económico que axiña tornará en estratéxico.
A comezos dos anos 40, no século pasado, o seu consumo experimenta un incremento expoñencial: estoupa a II GM e a Alemania nazi busca unha alternativa aos proveedores de wolfram chinos e birmanos para blindar a súa maquinaria antiaérea. Galicia pasa a ser unha das zonas máis productivas de mineral da Península Ibérica. |
|
O Monte Neme, San Fins, a Mina das Sombras convértense nun improvisado El Dorado galaico onde o contrabando do mineral acada pulo grazas ás operacións que o bando aliado facía no mercado libre para que o produto non chegase aos alemáns, ao tempo que convive cunha importante rede de espionaxe.
De súpeto, Francisco Franco, concede a explotación das minas a dous familiares seus: o seu cuñado Ildefonso Fierro e o seu consogro José Martínez, pai de Cristóbal Martínez Bordiú.
Os mineiros pasan a ser asalariados destas familias que se enriquecen á súa conta. Comeza unha nova etapa de clandestinidade, carabineiros que vixían, etc.
“déronse casos de detencións polos carabineiros de mulleres e homes que ían extraer o W pola súa conta, en pequenos bloques que vendían clandestinamente."
|
|
Testemuña de Manuel Vázquez Rodríguez (Lovios) falando do ano 1951: “cando extraiamos o mineral por libre, nas Sombras, cun martelo, saían anacos que pesaban moito, e metiámolos en saquetas de 20-30 kilos, e baixabámolo ás costas ou en burros até Vilameá, onde o gardabamos nunha granxa até que se negociaba. Había moitos carabineiros vixiando, polo que un de nós tiña que facer garda, e co diñeiro recaudado polo mineral pagábaselle un xornal proporcional entre todos.
Moitas veces baixabamos sen nada. Na compañía gañabamos 14 pesetas e traballabamos oito horas, anque moitas veces aproveitáronse de nós e traballamos de sol a sol, e como daquela non se podía protestar, se non xa sabías o que che pasaba. En ocasións obrigáronnos a levar sacos de mineral para os Carrís que intercambiamos por bidóns de gasoil que viñan ás costas” Fonte: Arraianos/ Mineria e Carbón Na Raia Seca.
|
|
O fin da II Guerra Mundial fai que caian os prezos, debido a que comeza a chegar mineral da China, Birmania e Bolivia. Regularízase a situación e prodúcese a decadencia do Wolfram en Galicia, ata o seu abandono definitivo pouco despois. |
|