| Contorna da Martiñá |
CONCELLO DE S. CRISTOVO DE CEA
O concello de Cea presenta un relevo moi accidentado pola parte norde do val de Oseira que percorre o río do mesmo nome, alimentado polas augas de Serra Martiñá e Penabico. As máximas elevacións atopámolas en S. Martiñá ( 1.039 m ) e Alledo ( 1.011 m ).
MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE OSEIRA
A súa grande monumentalidade faino digno da denominación popular de “o Escorial galego”. Fundado no século XII con documento otorgado por Alfonso VII a petición do Conde de Galicia, don Fernando Pérez de Traba, a favor dos catro monxes, García, Diego, Juan e Pedro, que facían vida eremítica naquela zona e que abrazaron primeiramente a regra de San Bieito, ata que catro anos despois se converte no primeiro Mosteiro cisterciense de Galicia.
Hoxendía aínda alberga relixiosos que seguen fidelmente coa máxima do “ora et labora”.
Describir toda a arte que recolle esta xoia arquitectónica sería redundar en tanta e tanta información que existe sobre o tema, así que preferimos poñer en situación o obxectivo que perseguimos con este roteiro: teñamos ou non referentes da vida no rural de antano, tentemos comprender cómo era aquí a vida antes da WI-FI e dos móviles de última xeración: |

O mosteiro de Sancte Marie de Ursaria estaba levantado iuxta fluvium cui nomen est Ursaria et iacet inter terminos de Castella et de Cambia et de Buval, et de Asma subtus monte Navego et Pena Bicho et monte Eugevua et Pena Pelagii”. C. Vaamonde Lores, Ferrol y Puentedeume, doc. 4, p. 72
|
|
| |
O PERCORRIDO ELEXIDO
É esta unha ruta que convida a ler nas rodeiras a partitura que tocaron durante os séculos os carros do país nas laxas. Son camiños que decorren por un puzzle de corgas coidadosamente enmarcadas en valados de dúcias de disposicións distintas e que ofrecen erba e leito a unha numerosa cabana de rubia galega.
E tamén son carreiros que invitan á reflexión: temo-lo dudoso privilexio de se-lo primeiro produtor europeo e o segundo mundial de celulosa de eucalipto. Piñeiros e eucaliptos son considerados polos botánicos como “prantas pirófitas” (prantas de lume) porque o lume forma parte do seu ciclo biolóxico e, no caso do eucalipto, tras un incendio, rebrotan máis rápido e mellor co que acaban apropiándose do terreo e diminuíndo a diversidade da flora do lugar.
|
 |
Ó longo da xornada, obervamos zonas recén queimadas no holocausto do 2006 e outras recén repoboadas con Pinus pinaster , de alta combustibilidade polos aceites e compostos volateis que xenera e tamén lameiros inzados de Eucaliptus globulus cuxas primeiras sementes chegaron da man de Frei Rosendo Salvado alá cara o 1860 dende Australia. ¿Para cando veremos fermosos canguros choutando polos nosos montes e koalas dormiñentos sobre as nosas cabezas?.
¿Non sería máis razoable diversifica-lo deseño da paisaxe con especies nosas como o carballo, o vido, o ameneiro, a faia, as aciñeiras que conforman un bosque moito máis fresco, mesto, estéticamente máis amable e que favorece o habitat de especies faunísticas xenuinamente galegas?. Non hai máis que ver a maxestuosidade do carballo dando acubillo a uhnas rodas de carro con moita rodaxe...
|
 |
ISTO É UNHA HOMENAXE AOS ANTERGOS
Imaxinemos aqueles tempos nos que ó rompe-lo día as chemineas empezaban a fumegar timidamente. O ar ule a leite mórno con pan migado e deseguidiña, un co sacho ó lombo, outro coa fouce para ir apañar erba, outro coas vacas ó monte, mulleres lavando nos pilos... e barrendo a cociña con basoiras de piorno.
Nenos que corren cara á escola. Aquelas escolas, sinfonía de pizarra, xis e chorretóns de tinta, de ata corenta rapaces de oito cursos distintos. Miña naiciña..., e que mal pagados estaban aqueles mestres...!.Pero, o tempo, que satisfacción tiñan de alimenta-la voraz curiosidade daqueles cativos galegofalantes adiviñando a semántica dunha lingua que non mamaran na casa.
Frío. Mal aillamento nas vivendas e roupa feita na casa con liño e la, moitas veces remendada e revirada para aproveitala ben ata a chegada do Ferrocarril que introduce as roupas de algodón. |
 |
Toda a vida xiraba en torno ás sementeiras, ás colleitas, á matanza do porco...traballo, traballo, traballo arreo, con escasos recesos: a sesta, a feira, a única televisión na única taberna.
A eira era un lugar común a disposición de tódolos habitantes, o forno do pan, tamén. Organizábanse para facer uso tanto dunha como do outro, pero había sempre quen botaba unha man a cambio de nada.
Na comarca aínda podemos ver teitos de colmo. A explicación tén toda a lóxica: é terra de pan. Pan hoxendía con merecida denominación de orixe. Palla había “a esgalla” e as tellas custaban cartos. Unha sociedade aquela, en xeral, pobre, humilde, solidaria, cercana á morte con tódolos seus rituais, e, mitos fóra, petrucia e patriarcal (que llelo digan ás nosas tataravóas). |
 |
|
Os cabaceiros érguense con señardade e, ás veces, como expresión fachendosa de certa fartura. Disque os panadeiros adoitaban parar diante das casas que tiñan os mellores canastros…
Unha sociedade da que procedemos e á que hoxe lle adicamos a nosa lembranza con profundo agradecimento ao inmenso legado cultural que tentaron deixarnos a base de tanto sacrificio.
|
|
|