SENDEIRISMO COS CINCO SENTIDOS

MENÚ PRINCIPAL | ROTEIROS FEITOS | GALERÍA | LIGAZÓNS | GALICIAS | CONDICIÓNS XERAIS | O TEMPO | Favoritos

Visitamos o teito de Galicia ( 1778 metros ), situado na Galicia Suroriental, no coñecido como Macizo Central Ourensano, na provincia de Ourense e, concretamente, no seu circo glaciar máis representativo, o de Requeixo.

A cabeceira está dividida en tres anfiteatros, con paredes verticais de maís de 50 metros (entre os 1.600 e 1.450 metros ) que bordean pequenas chairas con fondo de turbeiras. Despois vén o clásico val en forma de U e, ao final, morrenas na cota de 1.100 metros, aparecendo frecuentemente rochas aborregadas e estriadas testimoniais.

 

Estes pequenos circos glaciares son frecuentes nas cabeceiras dos ríos con esas pequenas morrenas onde aparecen os “curros” pastoriles como Castelaioso, Pediñeiro, o dos Burbedos redondos ou o da Corcova.

Noutrora o impacto antropoxénico tivo unha grande importancia na Serra, consecuencia da súa intensa explotación mediante o pastoreo e a obtención de leña e carbón mediante a extracción de raíces de uz.

A neve e a néboa acompañaron irremisiblemente a vida dos seus habitantes. Así que cumpría unha forma de se comunicar axeitada, da que nos da fe a existencia dunha ben planificada sinalética tradicional: os estantes (grandes fitos duns dous metros de altura con base troncocónica rematada nun estreitamento e fábrica de mampostería) e as pedras ou laxes (antas de forma alongada e dunha soa peza). Os investigadores clasifícanos en Sistema xeral e Sistema local segundo se refiran á circulación permanente pola serra e mesmo alén dela (como por exemplo a que comezaba na serra de Queixa e seguía polo Invernadeiro, Penedo do Venado, Fontefría e Gondulfes ata Verín) ou, a unha circulación non permanente segundo a itinerancia ou non xerada por circunstancias como o pastoreo alternativo, desaparición de mananciais, neve, etc.

Camiñamos pola morrena glaciar onde desemboca o regato de As Lamas e o val en forma de U orixinado polo glaciar de As Lamas e o de Prada. Corzos, águias calzadas e cooridos abellarucos son os actuais habitantes destas paraxes.

Ante os nosos ollos aparecen as estruturas descarnadas do vello pobo de Prada agochadiño no leito dun glaciar. Nos anos 70 fóronse os dous últimos habitantes nos últimos cinco anos: Pedro e a súa nai. Unha vida dura nunha aldea de seis veciños, catro no lado dereito do río Requeixo e dous no esquerdo, que nin se podían relacionar no inverno por mor das crecidas do río. Unha aldea sen luz, nin escola, nin estrada, nin domingos e onde se aprendía a bailar sen música. Unha aldea á que sí chegou a sinrazón da guerra: 3 homes apreixados, dous que soltan e cando chegan á casa oen un disparo. O pai de Pedro, que daquela tiña nove anos, xace no chan das leiras do fondo...Vinte vacas, algunhas cabras, un fatiño de ovellas, un porco, patacas e berzas por todo patrimonio nun lugar onde o sol sae, cando sae, ás 11 da mañán, que queda a 6 km do pobo máis cercano, case dúas horas a pé e que ten unha capeliña adicada a San Bartolomeu.

Atención telefónica de 17:00 a 20:30 horas | Asoc. Cult. Via Auria, sen ánimo de lucro. 2005/008617-1 (OU) 2005 | Conta: CaixaGalicia 2091-0471-35-3040002209