SENDEIRISMO COS CINCO SENTIDOS

MENÚ PRINCIPAL | ROTEIROS FEITOS | GALERÍA | LIGAZÓNS | GALICIAS | CONDICIÓNS XERAIS | O TEMPO | Favoritos
Canón do Navea

O Val do río Navea -706 hectáreas entre os concellos de San Xoán de Río e Pobra de Trives- ocupa o corredor biolóxico entre o Macizo Central e o sistema fluvial Miño-Sil.

O 13 de novembro de 2008 o Consello da Xunta declara esta zona como primeira Paisaxe protexida de Galicia, contando cunha figura legal para a protección da súa “singularidade natural, estética e cultural”.

FOTOS DA RUTA

O río Navea, que nace nas estribacións da Serra de San Mamede bebe de varios regatos como o Rabal e o Grande e, á altura do canón –un dos máis profundos da orografía galega- e serve de límite natural entre Río e a Pobra de Trives. Nesta última únese ao Bibei, para finalmente desembocar no Sil cerca de Pontenova. A súa cunca abarca unha área de 269 km 2 .

Un clima mediterráneo subhúmedo cunha temperatura media anual de entre 10 – 13º C e pluviosidade media de 950 mm axudan á conformación dun bosque mixto de rebolos e tamén nutrido de especies introducidas pola intervención antrópica como castiñeiros que acadan ata 200 anos de antigüidade que ocupan unha superficie de 300 ha .

Evidencias arqueolóxicas, fontes epigráficas e grandes obras de enxeñeiría romanas quedan do paso da Vía XVIII por estas terras antes habitadas polos Tiburos e que tiñan como asentamento Nemetóbriga.

A Ponte Navea é unha delas, nexo entre San Xoan de Río e a Pobra de Trives, declarada Monumento Histórico-Artístico. Hoxe apreciamos un só arco de sección apuntada ( 18,15 m de luz, 46.50 m de lonxitude total, 3.90 m de ancho e 14.20 m de altura sobre o nivel da auga) e factura medieval con aparello de sillares rectos que alternan a soga e a tizón que se ergue sobre o que queda dun dos estribos –de opus rusticum- dunha ponte anterior romana.

“Ao ser a bóveda romana de medio punto, no lugar da bóveda oxival da ponte medieval existente, a altura da rasante foi inferior polo que tamén deberon ser os muros estribos que soportan a calzada entre a bóveda e as marxes. Esta menor altura, favorable desde o punto de vista da estabilidade deles, xa que foi a gran altura deles derivado do recrecemento posterior medieval, a que determinou as sucesivas restauracións que se reflexan na fábrica, non fixo precisa a construción das arcadas nas marxes como en Bibei para alixeiralo. A altura, por otra parte, a que se ergue a ponte sobre o río, permite sospeitar que a capacidade de desaugue é suficiente!. Fonte : Carlos Nardiz Ortiz. Revista de Obras Públicas, setembro de 1991

En época romana puido ter ata dous arcos e un ancho superior ao actual de, aproximadamente 6,40 m entre paramentos.

A calzada romana baixaba ata a ponte dende o Alto de Cerdeira, onde aínda se conservan varios miliarios que sinalaban o seu paso.

Da ponte parten dous camiños en dirección a Trives, un é a Vía Antonina e o outro, o camiño real a Pedreira.

Preto da ponte atopamos a capela da Encarnación. Presenta arco de medio punto e, na dovela central, unha cruz de Malta en relevo.

Seis miliarios, entre os que destaca un adicado a Flavio Claudio Juliano, único en España adicado a ese emperador, un miliario atopado no ano 1834 adicado aos emperadores Tito e Domiciano do ano 80 a .C. (época na que se abriu ao tráfico a Vía XVIII) a ara votiva de Vilanova, atopada en 1969 tralo altar da igrexa parroquial, as lápidas adicadas a Aelio Sporo e a Popilius Hirsutus.

A “boca do monte”, máis coñecida por Montefurado constitúe unha das grandes obras da enxeñería romana. Data do século II, cunha lonxitude orixinal de 152 metros sin embargo, un derrubamento accidental en 1934, deixouno nos 52 metros actuais. Atravesa o monte Pena do Corvo e foi proxectado para desviar a traxectoria do río Sil e así aproveitar de xeito alternativo, tanto os depósitos auríferos do meandro como, invertindo o proceso, os sedimentos do túnel. Esta explotación xunto coa das Medulas chegou a fornecer nalgún momento o 10% dos ingresos do Imperio Romano.

Pois ben, en 1934 o túnel sofre un afundimento debido a unha enchente que tapona a boca de saída. O río reconquista o vello leito do meandro desecado polos romanos e non se conseguirá levalo de novo polo túnel ata 1941.

A carón de Montefurado, existe unha galería máis longa e que, segundo as últimas teorías podería atribuirse ao enxeñeiro belga Henry Steven que, en 1918 tentóu cambiar o curso da auga.

 
Atención telefónica de 17:00 a 20:30 horas | Asoc. Cult. Via Auria, sen ánimo de lucro. 2005/008617-1 (OU) 2005 | Conta: CaixaGalicia 2091-0471-35-3040002209