SENDEIRISMO COS CINCO SENTIDOS

MENÚ PRINCIPAL | ROTEIROS FEITOS | GALERÍA | LIGAZÓNS | GALICIAS | CONDICIÓNS XERAIS | O TEMPO | Favoritos
Románico do Deza e Fervenza do Toxa

"...N-a pranta estaban incruidas tres torres, unha sobre o estribo que stá á esquerda d'a porta prencipal, e duas a entrada d'a chirola antes d'as capelas d'os lados. As tres se servían por escaleiras de caracol metidas n-a parede; e n-as d'os lados dá chirola, estas mismas escaleiras que daban subida as torres, baixaban á a espaciosa cripta..."

"...os capiteles son paricidos á os d'a Catedral de Santiago e con esto xa está dito todo... "

"...na chirola, como dixemos, desembocaban tres capelas ausidales. A do medio, que viña á ser coma a cabeceira d'a eirexa, era un pouco maor que as outras e estaba adicada á San Benito. A d'a dereita staba adicada á Nosa Señora de Belén, e a outra servía de sancristía... "

"...a pranta d'ela componse de tres naves, un cruceiro, o áuside prencipal que se pode andar todo ao redor, e outros cinco áusides máis pequenos... "


O niño de Pombas, de López Ferreiro

 

ROMÁNICO DO DEZA

Breixa: igrexa parroquial que conserva restos románicos nos arcos do presbiterio, porta do muro sur de arco semicircular apoiado nunha columna por xamba, cuxos fustes desapareceron. Variados e interesantes canecillos.

 

San Pedro de Ansemil: Toda unha delicia para os amantes da arte. A igrexa parece te-la súa orixe entre os séculos IX e X. En torno ó s. XVI, a comunidade de monxas bieitas que o habitaba, agrégase o compostelán San Paio de Antealtares, situado na célebre Quintana e en cuxo arquivo aínda se poden atopar documentos pertencentes ó de Ansemil.

 

Esta antiga igrexa mosteiral, hoxe parroquial, está formada por dúas capelas, unha románica e outra gótica que integran elementos de ambos estilos arquitectónicos e escultóricos.

A románica responde a pranta basilical constando de tres naves e tres ábsides rectangulares. As naves divíndense con arcos forneiros semicirculares peraltados, sobre dúas pilastras por lado, cun sinxelo ábaco biselado e semicolumnas adosadas só ó interior da fachada. A portada principal de dobre arquivolta con axedrezado, de directriz semicircular moi peraltada, sobre dúas columnas por lado, dintel con catro raias horizontais e tímpano de sillares. Os capiteis externos de ornamentación froral e os interiores historiados. Fiestras en saetera.

 

A gótica, tamén se coñece como Capela señorial dos Deza por albergar no seu interior o sartego do cabaleiro Diego Gómez de Deza, datado no ano 1341. Adosada á romanica polo muro sur, ten unha sóa nave e unha capela semicircular na cabeceira. A fachada presenta porta rectangular de xambas lisas con dintel pentagonal na que destaca o Agnus Dei cunha cruz procesional frordelisada, entre o sol e a lúa. Sobre a porta, unha imaxe da Virxe do Leite sentada nunha cadeira de arqueiría oxival trilobulada. Conserva ademáis, interesantes canecillos e ferraxes medievais rematados en bocas de serpes nas follas das portas.

Para saber máis: Ángel del Castillo,Inventario de la riqueza monumental y artística de Galicia, Santiago de Compostela, 1972.

Mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro

Mosteiro Bieito do século X. San Lourenzo de Carboeiro viu reedifica-la súa igrexa a partir de 1170 para segui-la súa construcción até finais do século XII.

Constaba de tres naves,e cabeceira rodeada por xirola rematada en tres capelas radiais.

Para salva-lo grande desnivel oriental, edificouse unha cripta de pilares cilíndricos e abovedamento pétreo de gran resistencia para soste-lo peso da pranta superior. Máis información sobre este Mosteiro >>

Mosteiro de Carboeiro

Fervenza do Toxa

Fervenza do Toxa

Unha fervenza é unha caída de auga dende certa altura provocada polo desnivel existente no canle dun río. Recibe tamén outros nomes como: cascada , ruxidoira, cenza, censa, freixa, cadoiro, abanqueiro, chorreira, chorredeira, fecha, ficheira.

A fervenza do río Toxa, cos arredor de 50 metros de caída libre, considérase a maior de Galicia.

FLORA: Freixos (Fraxinus angustifolia), ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix atrocinerea), sanguiño (Fragula alnus), sabugueiro (Sambucus nigra) e outras especies de ribeira.


  FAUNA: Na desembocadura, aves raras como a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), rascón de auga (Rallus aquaticus) e outros. Peixes como salmón (Salmo salar), escalo (Chondrostoma polylepis)...

 

 

 

 

 

 

Atención telefónica de 17:00 a 20:30 horas | Asoc. Cult. Via Auria, sen ánimo de lucro. 2005/008617-1 (OU) 2005 | Conta: CaixaGalicia 2091-0471-35-3040002209