![]() |
||
| SENDEIRISMO COS CINCO SENTIDOS |
||
INTRODUCIÓN O val do Valcarce, noutrora Valcárcere ou Valcárcer, vaise engaiolando polos Ancares que enmarcan unha paisaxe mesta de carballos, faias e arquitectura ancestral sementada tamén de lendas e, seica de curiosas forzas telúricas, mentres nos conduce á soleira da porta de Galicia. Os abondosos vestixios castrexos e fortificacións desta estratéxica zona, foron testemuñas xa dende moi cedo, de convulsións bélicas como a conquista de Augusto, e posteriormente as revoltas irmandiñas ou as guerras carlistas. Tamén sabemos dos abusos que os señores do castelo de Santa María de Auctares (os expertos devaten sobre a súa ubicación entre o outeiro de Aldares en Trabadelo ou fronte ao castelo de Sarracín, en Vega de Valcarce) proferían contra calquera transeúnte que pasara por este camiño en forma de tributos de portádego, usando a violencia sen reparos se así o consideraran preciso. Na foto: Castelo de Sarracín |
||
Geofroi de Buletot, un peregrino francés, escribe no seu Dietario Íntimo , en 1381 : “Polo estreito paso das beiras do Valcárcel abrupto, desasosegado, chégase a dous castelos que se sitúan, un fornte ao outro e corresponden ao topónimo de Autares e de Sarracin. Están situados en lugares estratéxicos e escarpados, antes de chegar a Ruitelán, ascendendo xa aos montes do Cebreiro, perdendo de vista esta marabilla do Bierzo, que queda ás nosas cóstas.Hoxe os portazgueiros non nos sairon, en son de presa dende o castelo de Autares, con ánimo de roubo. Vese que as falcatruadas deixáronos rendidos para días. Houbo unha época en que Nezano Gudesteiz prohibía o paso cara Galicia a quen lle daba a súa feudal gaña. E era dono desaprensivo e depredador desa impoñente mole de Autares[...]” |
||
Tentando esquivar os cobradores, os transeúntes empezaron a seguir unha ruta alternativa que se deu en chamar Camiño Histórico. No libro V, cap. III do Codex Calixtinus, orixinalmente titulada Iter pro peregrinis ad Compostellam (±1135), Aymeric Picaud, monxe do Poitou, dí que o camiño subía por Sarracín cara Villaus “á entrada da Vega do Valcarce, Castro Sarracín; despois Villaus, o porto do monte Cebreiro e no seu cumio o Hospital” dando a entender que seguían o Camiño Histórico. Nun documento de 17 de novembro de 1072 , Don Alfonso VI e a súa irmá Dona Urraca suprimen o portádego que se cobraba a todos os transeúntes naquel castelo do porto de Valcarce, entre os ríos Burbia e Valbone , porque son peregrinos que ían rezar a Santiago, e non tiñan outra protección que Deus e o Rei: “Don Fernando I en instrumento otorgado en el año 1046, después de haber hecho el justo y debido elogio de su predecesor don Alonso V, nos representa el estado e tributo de portazgo que se pagaba generalmente en el puerto de Montevalcarcel en el castillo de santa María de Auctares en cuya exacción se cometian muchos desórdenes e injusticias robando y molestando a los pasageros ya desde el tiempo de sus abuelos y padres. Siendo pues frecuentes, las quejas murmuraciones y aun maldiciones de todos consultando la utilidad común de estos reynos y la de los viageros franceses alemanes e italianos prohibo que ninguno sea osado exigir semejante tributo pues quiero que todos vengan en paz por este camino y que los negociantes y gentes de comercio no sean inquietados”. Instr. do ano 1072 a Esp. Sagr. tom. XXXVI apénd XXV” Fonte: Francisco Martínez Marina:“Ensayo histórico-crítico sobre la antigua legislación y principales cuerpos legales de los reynos de Leon y Castilla: especialmente sobre el código de D. Alonso el Sabio conocido con el nombre de las Siete Partidas”. Realmente esa exacción só se aplicaba aos peregrinos e aínda así, xeraba confusión porque tamén se podía facer o Camiño por delegación e os cobradores non sabían se estaban ante un comerciante ou un peregrino. Pero axiña se creou un imposto paralelo: o Dereito de Guía, consistente en guiar, protexer e alugar medios de transporte ou de vadeo ou paso de pontes, aos peregrinos e comerciantes. O Camiño revestía dificultades e non só pola inclemencia do tempo. Bosques mestos onde se agachaban perigos de todo tipo e portádegos abusivos só atopaban alivio na ascese purificadora e na, case sempre, piadosa atención dos hospitaleiros |
||
Trabadelo – La Portela de Valcarce - 3.4 Km :O pobo do que partimos este 20 de febreiro de 2010, tivo hospital de peregrinos e atópase ao pé do outeiro de Aldares. Hai quen ubica aquí a mansio Uttaris do itinerario Antonino (Rodríguez, Justiniano Santa María de Autares. Situación de este antiguo castro . Revista Archivos Leoneses, ano 1958) baseándose na toponimia e nun documento do ano 1103 que cita o castelo de Outaris e que o sitúa na cima de Trabadelo no cerro Aldares. A igrexa de S. Nicolás acolle un retablo barroco do s. XVII e unha imaxe da Virxe de época medieval. Chegamos á Portela coa igrexa de San Xoan Bautista, de estilo barroco popular, dos s. XVII e XVIII que, ademais contén un sagrario do s. XVI. Polo Oeste quedan os castros, na parte alta do pobo. O topónimo alude a paso estreito e seica aquí era onde os cobradores de Santa María de Auctares asaltaban aos camiñantes. Hai unha ferraría do s. XIX nas beiras do río Valcarce, a uns 300 metros ao Leste do núcleo. |
||
La Portela de Valcarce - Ambasmestas- 1.3 Km :Ao saír da Portela, abandoamos a estrada Nacional e collemos a comarcal, que nos leva a onde as augas do Valcarce se mesturan coas do Balboa e que da lugar á toponimia de Ambasmestas. Seica era aquí onde se realizaba o pago do portádego aos cobradores de Auctares. Pasamos unha ponte sobre o río Balboa, con restos de factura romana nun estribo e parte da calzada. A igrexa parroquial do Carme, con retablo barroco popular, un muíño, a antiga fábrica de encurtidos, unha queixaría e un palleiro –agás a igrexa, todos eles do século XIX-conforman algúns puntos de interese en Ambasmestas. |
||
Ambasmestas - Vega de Valcarce- 2.4 Km :A 500 m . de Ambasmestas, entraremos en Vega de Valcarce , polo barrio de Ambascasas, un km máis adiante chegamos ao centro de Vega. Esta vila áchase situada entre o castro de Veiga e o castelo de Sarracín construido no s. XIV sobre outra fortificación anterior do s. X e que, o 20 de marzo de 1520 acolleu a Carlos I, camiño do porto da Coruña, en tránsito para a súa coroación como Carlos V de Alemania. O escudo que actualmente adobía a fachada da Casa de Castedo, amosa as 5 estacas ás que fai referencia o coengo de Mondoñedo Bartolomé Sagrario Molina (Licenciado Molina) na súa obra Descripción del Reino de Galicia y de las cosas nobles del (1550) e que hoxe forman parte do escudo de Vega de Valcarce : “...en todas partes de España, aquella falta de armas, que dio causa y perdición; y ansi con estas estacas los de aquella entrada y tierra de valcacer se resitieron y dieron causa a que los moros se tornaren luego; y por esto los que en aquel buen hecho se hallaron les quedo el apellido y alcuña de valcarcer; y traen por armas y blason aquellas estacas con que acabaron su hecho”. O historiador alaricano Fray Felipe de la Gándara , en Armas, Triunfos y hechos heroicos de los hijos de Galicia (1662), fai del unha descrición: "Proceden los de este linaje de unos caballeros que en el año 715, cuando los moros estaban por Galicia, por el Valle del Valcazar. Les hicieron tal resistencia desde las alturas que cercan este angosto valle que se dice que mataron 12.000 de ellos, con solo pérdida de 20 cristianos". Disque os Templarios tamén ocupan o castelo de Sarracín, entre 1228 e 1313, para protexer os peregrinos e, cando se van do castelo, o Camiño Histórico xa non tiña sentido e vai desaparecendo o seu uso. O patrimonio cultural máis destacado de Vega complétase cun muíño, outra ponte dos s. XVIII e XIX e a igrexa da Magdalena que data do s. XVII. |
||
Vega de Valcarce - Ruitelán- 1.7 Km :Comezamos agora o que chaman Camino del Perdón . Ruitelán arroupa o camiño con soutos na subida ao Cebreiro, coa Igrexa de San Juan Bautista , (s.XIII e XVII) dunha soa nave, cabeceira cadrada e espadana aos pés, a capela de San Froilán , de estilo románico popular, e unha ermida dedicada a San Esteban . |
||
Ruitelán - Herrerías, Las- 1.3 Km :Las Herrerías é a última poboación da Vega. Conserva unha ponte de orixe romana sobre o río Valcarce e hai constancia documental de actividade siderúrxica dende o século XV que seguiu ata o s. XIX. Destaca tamén a igrexa de San Julián de estilo barroco-neoclásico, cun cristo do s. XVI, e a súa arquitectura tradicional con solainas de madeira e cubertas de lousa sobre potentes muros de pedra. Saíndo de Herrerías está o barrio chamado Hospital de los Ingleses. O seu nome seica alude a un hospital de peregrinos aberto en tempos da dinastía Plantagenet (1145-1399), posiblemente por Enrique Plantagenet para os seus súbditos británicos que facían o Camiño. Unha bula do Papa Alejandro III de 20 de marzo de 1178 , confirma que os ingleses ergueron unha igrexa con Hospital e cemiterio que correspondían á Igrexa de Santiago: “In Valle Carceris hospitale quod dicitur Anglorum cum ecclesia sua et aliam ecclesiam que ipsi ex eadem superiacet et villas de Tabladelo et de Parada”. |
||
Las Herrerías – La Faba - 3.5 Km :Cando saiamos de Herrerías cómpre irmos de vagar, polo menos ata La Faba , porque comenza o ascenso ao Cebreiro. Na Faba, anteriormente chamada Villa Ux, Villa Urz e Villa Oxi , está a igrexa de San Andrés (s. XVI e XVIII) que presenta no lintel unha cuncha de peregrino e é a última parroquia da diócese de Astorga. |
||
La Faba – La Laguna - 2.3 Km :O crego vienés Christoph Gunzinger, na súa obra Peregrinatio Compostellana. Walfahart vnd Weegweser zu dem ferren S. Jacob in Gallicia a mediados do s. XVII , escribe : “esta é unha Mala Faba, comezo do Reino de Galicia. (O camiño) discorre dende Villafranca ata aquí durante case un día de viaxe ao longo dun gracioso regato. En realidade, debería chamarse “Mala Faba” a causa do mal camiño sinuoso que, a dicir verdade, comeza aquí a subir por unha alta montaña pedregosa sen fin ata a aldeíña de La Laguna , a partir daquí o camiño ata o mosteiro é moito máis cómodo”. De aquí ata a Laguna de Castilla, continuamos ascendendo pero xa de xeito máis lene. Geofroi de Buletot escribe no Dietario íntimo (1381) : “A desolación das montañas do Cebreiro e a súa altitude de máis de 4.500 pés deixa marca”. |
||
La Laguna - O Cebreiro- 2.6 Km :La Laguna de Castilla, último pobo da provincia de León, posúe tres canastros de tipo asturiano, de planta cadrada. Despois, pasada a terra de León e os portos do monte Irago e monte Cebreiro, atópase a terra dos galegos. Abonda en bosques, é agradable polos seus ríos, os seus lameiros e riquísimos pomares, as súas boas froitas e as súas crarísimas fontes [...] Abonda en pan centeo e sidra, en gando e cabalarías, en leite e mel e en grandísimos e pequenos peixes de mar. (Liber Sancti Jacobi. Lib. V, cap. VII, páx. 523) As serras dos Ancares e o Courel ábrennos as portas de Galicia no Cebreiro entre unha arquitectura tradicional de montaña merecente da súa catalogación como Conxunto Histórico- Artístico Nacional e Conxunto Monumental, que sintoniza en encantadora harmonía as pallozas coa igrexa románica de Santa María a Real, unha das máis antigas do Camiño Francés. O Cebreiro recibiu diferentes nomes ao longo dos tempos: Fauces Gallitae , cos romanos, Portus Montis februarii no Codex Calixtinus. Munt Februayr para o cartógrafo e xeógrafo musulmán Al Idrisi , Zebruaril, Mons Cebruarius noutros documentos medievais. A guía de Von Harff (1496) chámalle Monte Sebre. E o itinerario de Münzer, Itinerarium siue peregrinatio excellentissimi viri artium ac vtriusque medicine doctoris Hieronimi Monetarii de Feltkirchen ciuis Nurembergensis (Reise 1494/95), médico de Nüremberg, denomínaa Seborros. O crego bolonés Domenico Laffi, en 1673 chámalle Cerbiero . O concello de Pedrafita repártese entre as serras do Piornal ( 1386 m ) e do Rañadoiro ( 1463 m ). A súa orixe tectónica, tapizada de torgas, carballeiras e abeledos, da lugar a un relevo formado por cumios e vales que regan dous importantes ríos: o Navia, polo Norte e que desemboca no Cantábrico e o Lor polo Sur, que corre cara o Atlántico. |
||
SANTUARIO DE STA. MARÍA A REAL É o que queda do cenobio que Alfonso VI no ano 1072 puxera baixo a protección da abadía de San Xerardo de Aurillac e que no s. XIV se fixera cargo del a Orde de San Bieito ata a súa desamortización en 1854. Con poucas ventás para protexela do frío, planta basilical de tres naves cubertas de armazón de madeira separadas por potentes pilares remata en triple cabeceira. Á esquerda da entrada, atopamos o baptisterio cunha pía bautismal de pedra que seica se utilizou en bautismos por inmersión. |
||
O Altar Maior loce unha réplica do Cristo crucificado que está actualmente no Museo de Escultura de Arte Sacra de Madrid. Á dereita do Altar Maior está a Capela do Santo Milagre , na que se garda a talla románica da imaxe sedente de Sta. María a Real (Virxe dos Remedios, que chegou a presidir o altar maior. A imaxe leva nunha man o anel pastoral que lle ofrendou o que foi bispo de Lugo frei Plácido Rey de Lemos) a última restauración desta talla é de 1971. Chámase “a Real” por ter sido declarado o santuario de protección real, sendo favorecido en tódolos tempos por privilexios de reis. Destacan tamén unha vitrina cun cáliz e patena do s. XII e o relicario para gardar a carne e o sangue de Cristo, resultado do milagre, que foi un agasallo dos reis católicos en 1486. Baixo a vitrina hai un sagrario de prata que representa a urna da Catedral de Santiago que garda os restos atribuídos a Santiago. Aquí tamén están as sepulturas dos dous protagonistas do milagre, o cura e o feligrés de Barxamaior. |
||
O cáliz , incorporado ao escudo de Galicia, está realizado en prata sobredourada con formas vexetais incisas na copa e unha inscrición na boca: “Hoc sacratur quo cuntis vita parabatur”. O nó esférico que hai baixo a copa presenta decoración de follas caladas e motivos arquitectónicos excisos. O pé amosa a mesma ornamentación incisa da copa, pero con outra inscrición: “In nomine nostri iesv xpi et beate Marie Virgine” . A patena , tamén de prata sobredourada, tén borde levantado e seis lóbulos que rodean, incisa, a man de Deus bendecindo ao xeito grego. O relicario foi un agasallo dos Reis Católicos para gardar o sangue e a carne no que se converteron o pan e o viño co miragre. Están feitas en cristal de rocha, con pé de prata e coroadas por dous anxos que sosteñen na man un cáliz e unha patena, respectivamente.
|
|
|
"Eu, aínda que indigno, vin e adorei este santo misterio, vin as dúas ampolas. Nunha delas está o sangue, que parece apenas coagulada, vermella como a dun cabrito recén sacrificado, vín tamén a carne, que é vermella e seca". Padre Yepes (s.XVII), historiador bieito vallisoletano. Angel del Castillo, Arias Sanjurjo ou o Marqués de Santa María del Villar cren que o milagre do Cebreiro inspira a Wagner para compoñer a ópera Parsifal , de xeito que interpretan como o famoso país de Parsifal a Galicia; o templo indestrutible sito na montaña, o Santuario do Cebreiro e o Grial misterioso, o Cáliz do Cebreiro. |
||
Á esquerda do Altar Maior está a Capela de San Bieito. Aos pés, a sepultura de Elías Valiña, o cura do Cebreiro, finado aos 60 anos en 1989 que chega ao Cebreiro en 1959 e nos anos 60 realiza o primeiro estudo exhaustivo sobre o trazado do Camiño francés, na tese doutoral que le en 1965 na Universidade Pontificia de Salamanca. Impulsa a restauración do Santuario de Sta. María do Cebreiro así como a acollida aos peregrinos e, dende os anos 70, monta no seu Citroen GS cun lote de botes de pintura amarela, agasallo do Ministerio de Obras Públicas, e vaise aos Pirineos a pintar frechas para sinalizar o Camiño dende alí. Nun paso utilizado habitualmente por etarras, párao a Garda Civil pedíndolle explicacións e el reposta que está a preparar “unha gran invasión”. Nos 80 publica a primeira Guía e recorre gran parte de Europa difundindo a importancia do Camiño. |
||
A carón da igrexa está a Hospedaxe de San Xiraldo de Aurillac construída sobre os restos do vello hospital de Peregrinos. Nela consérvase un baixorelevo posiblemente da Idade do Bronce atopado en Pobra do Brollón en 1952. Trátase dunha pedra que parece representar unha escena de cacería. Dous homes cos brazos abertos presiden a obra, con tres animais por diante, dous cun venábulo no ventre e ó terceiro achégaselle con outro venábulo, unha pequena lanza. A cor rosada do interior do templo lembra os dous incendios que sofríu en 1450 e 1641. É tamén interesante visitar o museo etnográfico e contemplar as fermosas vistas que se ofrencen dende o outeiro da Cruz do Cebreiro , onde algúns peregrinos insiren unha moeda nos paus que a forman. Por non falar da degustación do célebre queixo con denominación de orixe Cebreiro, forma de fungo e que no século XVII era o cuarto produto máis caro do mundo. |
||
AS PALLAZAS OU PALLOZAS
A.- Lareira B.- Corte C.- Canizo D.- Palleiro
|
||
Casa con cuberta vexetal e forma cónica, chamada nun principio pallaza, cunha soa altura de planta oval ou circular, na que conviven animais e persoas, epígono da arquitectura tradicional con teito de palla, que na corrente celtista se vía como o paso seguinte ás construcións protohistóricas dos castros. Actualmente a tendencia é a consideralas froito dunhas condicións extremas de supervivencia tanto no contexto socioeconómico como no meteorolóxico do Norte da península (Lugo, Asturias e León). O arquitecto inglés Mark Gimson no seu estudo As pallozas (Galaxia, 1985) atrévese a decir que as castrexas son a versión menor e sinxela das pallozas e que descenden destas: “Existe unha importante diferenza entre as aldeas dos castros e as das pallozas. Nos castros as cabanas usábanse únicamente como lugar para vivir; os animais eran propiedades da tribo e había edificios comunais dos que descoñecemos o uso e só podemos facer conxecturas. A sociedade era una xeito de comunismo primitivo. Pola contra as pallozas acollían a unha familia enteira e as súas propiedades, incluidos os animais. Hoxendía só se atopan construccións comunais nas brañas altas, pero nos vales, nas aldeas de pallozas, a familia enteira divertíase na súa palloza cando chegaba a ocasión. Só a recente apertura dalgúns bares nas aldeas puxo fin a moitas das antigas tradicións que tiñan lugar ao calor do fogar. As casas dos castros eran versións menores e máis sinxelas que as pallozas; tiñan paredes baixas de pedra con teitos de palla, pisos de terra e lousa para o lume, xeralmente posto no centro”. |
||
| Unha das primeiras referencias documentais que coñecemos da palloza débese a Eugenio de Salazar, maxistrado e escritor na Galicia do século XVI: “Dúas portas ten cada casa, una a oriente e outra a poñente, e nin por unha se ve o sol nin por outra se descobre o ceo. Vese ás veces por entrambas a neve de vara en alto... Nas ditas casas non hai sala, nin corte, nin retrete; toda a casa é un aposento como ollo de compromiso; e nel están os homes, os porcos e os bois todo pro indiviso, non só porque todos son herdeiros da terra senón tamén nin xiquera nos costumes[...] O fogar está no medio desta apacible morada, para que de alí saia luz e calor para todo o circular aposento[...] As ditas casas circulares están cubertas cuns ciborios de fina palla, e estes rodeados dende o extremo ata a coroa duns rolos de vimbio[..] Tiña tamén un ou varios cuartos (dormitorios) xeralmente situados a ambos lados da lareira ou enriba da corte, para aproveitar o calor e gañar intimidade. O colmo, coa súa forma cónica, e cuberto con feixes de palla sobre uha estrutura de madeira, soporta perfectamente o peso da neve e dura uns 20 anos. A razón da súa escasa presenza hoxendía parece estar no sentimento de vergoña e atraso que acabaron tendo os seus moradores, e o elevado custo de mantemento. Unha das pallozas acolle o Museo Etnográfico do Cebreiro que hoxe poderemos atopar aberto ata as 18.00 h con todo tipo de apeiros de labranza, teares e utillaxe de grande interese etnográfico. |
||
Atención telefónica de 17:00 a 20:30 horas | Asoc. Cult. Via Auria, sen ánimo de lucro. 2005/008617-1 (OU) 2005 | Conta: CaixaGalicia 2091-0471-35-3040002209 |
||