SENDEIRISMO COS CINCO SENTIDOS

MENÚ PRINCIPAL | ROTEIROS FEITOS | GALERÍA | LIGAZÓNS | GALICIAS | CONDICIÓNS XERAIS | O TEMPO | Favoritos
O Cebreiro – Liñares 3.2 Km :

O Libro V, Cap. III do Codex , De los nombres de los que repasaron el camino de Santiago , fai mención a Linar de Rege (Liñar do Rei) como estación xacobea. O nome suxire a existencia nalgún momento dun liñar que posiblemente fora concesión real aos monxes do Cebreiro para tecer roupas do hospital. A súa igrexa de S. Esteban trainos á memoria as liñas que vimos de ver na do Cebreiro e o Tumbo Vello de Lugo constata que se fundou o 29 de abril do ano 714.

Subimos ata o Alto de San Roque e atopamos o Monumento ao Peregrino, escultura en bronce do ano 1993 do artista galego José María Acuña, batíndose co vento, onde en tempos houbo unha capela adicada ao santo que da nome a este lugar da que xa non queda rastro.

Liñares - Hospital da Condesa 2.3 Km :

O nome de Hospital da Condesa provén dun hospital fundado aquí por dona Exilo, muller do Conde Gatón, repoboador de O Bierzo a finais do s. IX. Von Harff menciona no seu Itinerario a localidade Hospitales de “Gundís(¿da condesa?).

A Historia Compostelana recolle que Xelmirez merca a Oveco Sánchez o burgo de “Paturnelo” onde había unha igrexa da encomenda de San Xoan, Sta. María Magdalena do Poio, hoxe convertida en cemiterio cuberto. Padornelo, que é o nome actual, foi priorato dos Hospitalarios de San Xoan de Malta.

Hospital da Condesa – Alto do Poio 3.0 Km :

O Padornelo , no Alto do Poio ( 1337 m ), acada a máxima altura do Camiño Francés. Nela estivo a Orde de San Xoan de Xerusalén -Soberana Orde Militar e Hospitalaria de San Juan de Jerusalén, de Rodas e de Malta, máis coñecida como a Orde de Malta- para atender aos peregrinos. Parte da vella igrexa, pasou a ser un cemiterio cuberto. A igrexa, dedicada a San Xoan, é do s. XV.

Alto do Poio - Fonfría 3.3 Km :

Fonfría do Camiño acolleu dende 1535 ata 1830 o Hospital de Santa Catalina que ofrecía aos peregrinos lume, sal, auga fresca da súa célebre fonte e dúas mantas para durmir. Se ademáis estaban enfermos tamén lles daban un ovo, pan e touciño. Un cáliz de prata dourada do s. XVIII con inscrición daquel Hospital: “Soy de Ospital de Fon Fría” gárdase hoxendía na igrexa de San Xoan, restaurada en 1964. Disque ocupaba o actual solar da “horta da casa do galego”.

Presentacións do Arciprestado de Triacastela: “...hospital de pobres peregrinos, casa terrea, cuberta de palla e lousa, dentro patio ou curral novo, con forno dentro del, cociña escura, tres cortellos divididos por parede; dous teñen dúas varas galegas de longo e dúas e media de ancho; o outro, cinco varas de dongo e catro de ancho. O teito sen faiado e las paredes sen argamasa, próximas a arruinarse. O hospitaleiro levantóu unha á súa costa, na terceira corte, que é a máis reducida, hai tres cuartos e dúas camas de táboas vellas, con palla e uhna manta vella, dúas sabas de lenzo, vellas, para cada cama. Vénse gastando cos peregrinos de entre corenta e cincuenta reais. A obriga do hospitaleiro é dar lume e asistir aos peregrinos...” No tumbo de Samos (s. XII) hai unha copia do século X que fai referencia a Fontem Frigidam “...per suos lem que discurrit ad stratam ad Fontem Frigidam, per ubi sunt suos terminos et locos antiquos... ”.

Fonfría – Biduedo 2.3 Km :

Biduedo posúe unha capela adicada a San Pedro e dín que é a máis pequeniña do Camiño e que conta con dous discos solares na súa decoración. Dende aquí hai unha fermosísima vista dos Ancares e o Courel.

Biduedo - Triacastela 6.4 Km :

Descendemos ata Filloval . Segundo José María Anguita : Tras Biduedo, o camiño arribaba a Filloval, cuxo topónimo alude a unha curiosa institución medieval. Consistía esta na reunión dos veciños do lugar para dar caza a unha das súas maiores ameazas, o lobo En Filloval debía atoparse o foxo onde se apostaban os paisanos o que servía de trampa para os animais. A evolución do topónimo  é a seguinte: *Fovea luparia (foxo lobeiro) *Foya (lo) bar Foyllevar-Filloval.

Chegamos ás Pasantes que tén unha capela do século XVIII dedicada á Virxe dos Remedios e Ramil (documentos do s. IX chámanlle Ranimirus ) co seu maxestuoso castiñeiro.

O topónimo Triacastela suscita varias interpretacións: que se “tres castelos”, polas representacións en relevo que loce a torre da igrexa de Santiago e a posible ubicación de tres castelos nos montes Caldeirón, Meda e Oribio, que se “tres castros”, pola proximidade dos castros de Triacastela, Lagares e San Hadrián, que se “tira castella” indicando “cara Castela”. A actual “Casa de Pedreira” ocupa o solar do vello Hospital de peregrinos en cuxo inteior apareceron restos óseos humanos. A igrexa de Triacastela, reedificada en 1790, só conserva da primitiva fábrica tardorrománica a ábsida semicircular, precedida dun tramo recto, cuberto con canón. A sacristía garda unha arca do s. XII, unha talla do Apóstol Santiago de época medieval e unha cruz procesional de prata do s. XIII. Tamén existen vestixios da Cárcere de peregrinos ( “HIZOSE A COSTA DE ESTA VILLA Y JURSDI/ SIENDO ALCALDE MAIOR DOMINGO LÓPEZ/ AÑO DE 1528” ) , onde podemos observar inscricións dos reclusos (“MARÍA JUS ME LIBRE DE AQUÍ AMEN” ) na porta de entrada e debuxos de galos, símbolo francés de libertade. A súa razón de ser explícase no Libro V, cap. XVII do Codex Calixtinus :

Algúns, anticipándose astutamente, envían dende a cidade de Santiago ata Portomarín ao seu cliente ao encontro dos peregrinos para que lles fale deste xeito: Irmáns e amigos meus, eu son da cidade de Santiago e non vin aquí en busca de hóspedes, senón que estou nesta vila ao coidado dunha mula enferma do meu señor; ide pois, á súa casa e rógovos lle digades que a súa mula pronto sandará, e hospedádevos alí, pois por amor meu, el, ao mencionarlle esta boa nova, trataravos ben. E cando chegan aló, atopan todo o malo. Outro vai a Barbadelo ou a Triacastela na súa procura, e cando os avista saúdaos e fálalles astutamente doutras cousas; dilles: Irmán meus que ides a Santiago, eu son un cidadadán rico desa cidade e non vin ata aquí para procurarme hóspedes, senón para falar cun irmán meu que habita nesta vila; mais se queredes ter unha boa hospedaxe en Santiago, hospedádevos na miña casa e decídelle á miña muller e á miña familia que vos trate ben, por amor meu; eu dareivos un sinal para que lla amosedes. Así, con falsas palabras, a uns peregrinos dalles a súa navalla, a outros o cinto, a outros a chave, a outros a correa, a outros o anel, a outros o chapeu, a outros as luvas, como sinal, enviándoos á súa casa. Cando chegan á casa del e se hospedan nela, despois de darlles a primeira comida, a dona da hospedaxe véndelles un cirio que vale catro moedas, en oito ou dez [...] E se algún peregrino tén algunha marca de plata que valia en ventan trinta soldos, o desaprensivo hospedeiro lévao ao banqueiro, cómplice seu, dalle o consello enganoso de que venda a marca ao banqueiro por vinte soldos, para recibir o mesoneiro do comprador a reva, isto é: doce passut [...] Chaman fraudulentamente ás moedas passut, e reva quere dicir prezo da iniquidade. Do mesmo xeito, se o peregrino tén algo que vender que sexa de grande prezo, el dille que o dé por pouco, para con iso obter unha grande reva do mesmo comprador ou dos dous. E se tén moedas para cambiar, o hospedeiro, desexando obter a reva, indúceo a que dé vinte das súas moedas por doce das do país, por onde pasa, malia que aproximadamente valen dezaséis. Así os malos mesoneiros enganan aos peregrinos e se condean.

Na canteira de Cotelos, conta o Codex Calixtinus que os peregrinos collían unha pedra de caliza e a levaban a Compostela para facer cal con destiño á argamasa da obra da basílica “ad faciendam calcen ad hopus basilice apostolice" e que deixaban nos fornos de Castañeda, a 87 km , co que o peso engadido incrementaba a penitencia.

 

Atención telefónica de 17:00 a 20:30 horas | Asoc. Cult. Via Auria, sen ánimo de lucro. 2005/008617-1 (OU) 2005 | Conta: CaixaGalicia 2091-0471-35-3040002209