SENDEIRISMO COS CINCO SENTIDOS

MENÚ PRINCIPAL | ROTEIROS FEITOS | GALERÍA | LIGAZÓNS | GALICIAS | CONDICIÓNS XERAIS | O TEMPO | Favoritos
As campas de Laude

 

 

O por que de “As campas de Laude”: Pois porque queremos adicar unha das rotas más bonitas de Via Auria a, non só unha amiga, senón ademais a unha das primeiras persoas que, dende o principio, apostóu firmemente pola idea e a razón de ser que hoxe move a gran e ben avenida familia de Via Auria. Porque é unha obriga moral para nós agradecer o voso recoñecemento e apoio discreto e tenaz ao traballo que realizamos.

Polos inolvidables momentos que ti e Paco nos agasallastes coa vosa simpatía e o voso cariño en multitude de rotas.

¿O lugar?. Porque eras castellano-leonesa de nacemento e galega por amor, a rota desenvólvese a cabalo das dúas comunidades.

E, en definitiva, porque non deixaches un oco, senón que agora eres Via Auria.

Na foto, de dereita a esquerda: Laude, Paco, Ángel e Elena.

Máis na provincia de Zamora: Lago de Sanabria

A GALICIA ESTREMEIRA

En 1833 , a raíña rexente María Cristina de Borbón, encarga a Javier de Burgos, nombrado Secretario de Estado de Fomento baixo o ministerio de Cea Bermúdez , a división territorial por provincias .

Javier de Burgos segue o modelo dos departamentos franceses e malia que moitas decisións de límites e adscricións a provincias poideron semellar arbitrarias conforme a criterios históricos e xeográficos, o certo e que seguían certa lóxica: extensión -dende o punto máis lonxano da provincia debería poder chegarse á capital nun día- poboación -as provincias deberían ter unha poboación entre 100.000 e 400.000 personas- etc.

A zona de Barxacova pertenceu ata 1833, a Ourense. Pero os costumes e a fala seguiron sendo galegos e hoxendía perviven como tales.

O galego estremeiro fálase nas zonas de máis aló das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma Galega: Terra Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas (onde hoxe imos) e o Val das Ellas, coas peculiariedades dialectalóxicas propias de cada zona ao igual que ocorre no territorio de Galicia.

BARXACOVA

A vida en Barxacova protéxese dos raios con cruces de madeira e ten arrecendo de pan feito en forno comunal en grandes bolas de “hurmiento” = formento, como lle chamamos nós.

Tén sabor de horta sen pesticidas nin xurros, de cordeiro que pace polas malladas (vellos curros de gando) coalladas de churidas, endemismo sanabrés, ( genista sanabrensis) e cacaragalos e amarelles (narcisos), e de xato alistano-sanabrés (a raza bovina da Alta Sanabria).

Vive ao compás das estacións e dos cantos de rás, paxaros e corzos, entre unha poboación non moi numerosa nos invernos e máis nutrida nos veráns por mor da volta dos que atoparon traballo noutras latitudes. “Hai unha tenda-comercio no centro do pobo, a de Herminio e Benigna, aberta todo o día. Só tendes que chamar ao timbre e baixan, porque viven alí”, di a nosa informante.

Quen mellor para describir este fermoso pobo que unha barxacovesa (dirase así?) de pro: Marina Carracedo.

"bonita aldea situada entre montañas que pertence á comarca de Sanabria. Atópase no noroeste da provincia de Zamora, limitando con Ourense, León e Portugal. É o máis alto de toda a provincia, cunha altitude de 1.280 metros . Pertence ao concello de Pías, igual que Villanueva da Serra, e as festas son a primeira fin de semana de xullo. A lingua

que se fala é o galego, aínda que cuns rasgos peculiares, reflexados no estudo "El habla de Barjacoba" (1976), feito por Eleuterio Carracedo Arroyo.

Atópase no Parque Natural do Lago de Sanabria, o maior de España de orixe glaciar (mide 3,5 km de longo e 1,3 de ancho medio); está enmarcado polas serras Segundera e Cabrera e rodeado de 35 lagoas, xunto ás cales vive unha variada flora e fauna autóctona que fai desta zona un paraíso natural. A extremada pureza das súas augas fai que sexan consideradas entre as máis limpas dos lagos de Europa. O máis característico de Barjacoba son as súas idílicas paisaxes e "o curro dos lobos", unha singular trampa para lobos que espera ser declarada Ben de Interese Cultural” Fonte:Marina Carracedo, http://www.freewebs.com/barjacoba/

AS MARRAS

As estremas entre os pobos márcanse cunha sinalética tradicional que aqui chaman marras , como nos dixo Marina, e que nas serras orientais de Ourense chamamos estantes e homes de pedra . Trátase de grandes fitos de ata dous metros e medio de altura, con base circular, diámetro de aproximadamente un metro e morfoloxía troncocónica rematada nun curuto máis estreito. Para a súa construción utilízanse laxes de mampostería.

Adoitan situarse nas dorsais de lombas, dende as que se divisa algunha aldea próxima e, ao tempo, ter a posibilidade de facer sinais ópticos con lume dende o seu pé e tamén serven para orientarse entre a neve. Para saber máis: Orientación e sinalética tradicionais. Tomás Vega Pato (Raigame).

OS CAMIÑOS DE BARXACOVA

Chama a atención o que a Xunta de Castela León bautizou como “Camino de Hoja”, un camiño que sae de Barxacova bifurcándose cara a serra e que pechaban, ata hai catro anos de forma alternativa por un lado ou polo outro (ano par / ano impar) para sementar centeo e así protexer a sementeira para que ninguén a trepase.

Hoxe aínda podemos ver o da esquerda (na foto) pechado cun muro. No pobo chámanlle a este As Apretaduras e ao que vai cara á dereita, As Sinsuas.

Disque nas Apretaduras hai unha cova que, segundo un estudo de toponimia menor que está a realizar a nosa informadora, xunto con Eleuterio Carracedo Arroyo, autor de "El habla de Barjacoba" (1976), podería ter dado orixe ao nome de Barxacova : “A xente dicía que é moi moi longa e que leva ata a Sirga, que é outra parte do monte”.

AS LAGOAS

Engalanan un pasado glaciar e cada recanto do camiño tradicional que levaba e leva o gando cara o mercado de Porto:

Lagoa do Franxoso, Lagoa das Lamas, Lagoa da Pedra Fendida, Lagoa do Bedul, Lagoa de Acibreiros, Lagoa Redonda, Lagoa do Burrico, Lagoa Herbosa, Lagoa Larga, Lagoa da Moza (seica debe o seu nome a que nela se afogou unha rapaza), Lagoa de Maseiras, Lagoa do Terrón, Lagoa do Sextil do Cepo, Lagoas de Cancelos, etc., foron algunhas das que vimos.

Auga, milleiros de flores, formacións xeolóxicas grandiosas, dúcias de lagoas con coros de rás, dúcias de corzos choutando moi preto de nós…neve no cumio de Trevinca, montañas vestidas coas galas violáceas das ericas…milleiros de paxaros cantaríns que case podes tocar coa man… Por non falar da amabilidade dos veciños de Barjacoba. Fermosa rota á altura dunha sensibilidade coma a túa, Laude.

Moitas grazas a :

Marina Carracedo, (unha estudante de galego en Salamanca e unha galega de corazón) pola valiosa información que, sen coñecernos de nada e desinteresadamente, nos facilitou sobre o pobo dos seus avós: Barxacova.

Non deixedes de visitar a súa interesante páxina e deixádelle un comentario no Libro de Visitas, sobre se vos gustou o entorno do pobo, que lle fará moita ilusión:

http://www.freewebs.com/barjacoba/librodevisitas.htm

 

 

Atención telefónica de 17:00 a 20:30 horas | Asoc. Cult. Via Auria, sen ánimo de lucro. 2005/008617-1 (OU) 2005 | Conta: CaixaGalicia 2091-0471-35-3040002209