SENDEIRISMO COS CINCO SENTIDOS

MENÚ PRINCIPAL | ROTEIROS FEITOS | GALERÍA | LIGAZÓNS | GALICIAS | CONDICIÓNS XERAIS | O TEMPO | Favoritos
Lago de Sanabria

Percorrido: Galende - Pedrazales - San Martín de Castañeda - Ribadelago Viejo

 

O parque natural do Lago de Sanabria está situado ao noroeste da provincia de Zamora, ten unha superficie protexida dunhas 22.500 ha, e constitúe unha importante zona paisaxística e ecolóxica. Nel atópase o Lago de Sanabria, de orixe glaciar cunha lonxitude de 3.178 m, unha anchura de 1590 m. e unha profundidade máxima de 51 m sendo o máis grande da Península Ibérica.

Declarado "Sitio Natural de Interés Nacional" por O.M. do Ministerio de Agricultura o 07.11.1953, e "Paraje pintoresco" por O.M. do Ministerio de Educación Nacional o 23.10.1953.

Parque Natural por Decreto da Junta de Castilla y León, en 1985.

En 1990 amplíase de 368,5 ha a 22.365 ha. Forma parte da rede ZEPA de Castilla y León.

 

Máis na provincia de Zamora: Barxacova (As Campas de Laude)
A FORMACIÓN DO LAGO DE SANABRIA
En Moncalvo e Pena Trevinca, a máis de 2000 m de altitude, nace a rede hidrográfica que verque as súas augas ao lago de Sanabria, ao Bibey e ao Tera. A uns 1700 m, estas vellas montañas forman un altiplano ondulado cuberto de brezo e ateigado de lagoas e turbeiras. Dende alí a auga precipítase a través de profundos canóns, ata o Lago que se atopa a 1000 m de altura, rodeado de grandiosos bloques granítinos tapizados, de cando en vez, con bosques de carballos.

A PRESA ESTÁ ENFERMA E SÓ CURARÁ O DÍA QUE REVENTE. A traxedia de Ribadelago.

A construción do encoro de Vega de Tera, de 200 metros de lonxitude e 33 de altura, comenzouse no ano 54 e inaugurouna F. Franco o día 25 de setembro de 1956. Estouparía tres anos despois.

Declaran os expertos que nin os materiais utilizados nin a ubicación da presa eran os axeitados. “A presa está enferma e só curará o día que revente”, seica o dixo un galego residente en Ribadelago que no Nadal de 1958 retornou a Vigo. Pero esa percepción estaba latente e era un segredo a voces entre toda a poboación. A factura de mampostería, material moi permeable, e a ubicación a máis de 1500 metros de altura, disque propiciaron a formación de cuñas de xeo no interior dos contrafortes. A versión oficial das causas do desastre fixáronse no emprego dunha masa de formigón na base que, ao ser máis ríxida que a mampostería dos contrafortes produxo a fisura da primeira. Non cabe dúbida de que a neglixencia na súa execución se aliou coas forzas da natureza para facela reventar.

Os Reis do ano 59 cantáronse pasados por auga. Choveu á argalla toda a primeira semana de xaneiro. Seica a presa estaba rebordando. De súpeto, regaña e estoupa abríndose unha fendedura de 70 m de ancho e 30 de alto que trousa 8 millóns de metros cúbicos de auga polo canón do Tera ata acadar, 8 km máis abaixo, o primeiro pobo que atopa antes do Lago de Sanabria: Ribadelago.

Encoro de Vega de Tera reventado. Foto: Ricardo Muñoz Carlos

Medianoite do 9 de xaneiro. Óense berros polas rúas de Ribadelago espertando aos veciños para que fuxan das casas. O campanario que serve para “tocar a Concello”, énchese de xente buscando acubillo por se atopar nunha das zonas máis altas do pobo. O espectáculo é dantesco: ven como sube rápidamente o nivel da auga, un home logra salvar ao rapaciño subíndoo ao tellado, pero a muller, debido ao sobrepeso non pode chegar ata onde están eles… un dos gardas que vivía no pobo, pero esa noite substituía a outro compañeiro enfermo nas instalacións da presa, sálvase pero a muller e o fillo –casáranse había 5 días- perecen baixo a auga… cada casa que se afunde, estoura coma unha bomba ao desaparecer…

A ponte de madeira esnaquízase por completo e, xunto con árbores centenarias que son arrincadas pola forza da auga, taponan os ollos da outra ponte de formigón. Todo iso, engadido á propia conformación do estreito val entre rexas montañas, fai que a tromba asesina retroceda e volva con máis forza sobre Ribadelago.

Longa noite de castigo para tanto inocente… e as augas que chegan a acadar ata 9 m de altura…

Rompe o día. Hai cadáveres espallados polo val. Semella que alguén fregara a conciencia as pedras con lixivia…Aparecen espertadores parados nas 12.15 h e nas 12.20 h…

Só 25 das 170 vivendas que había, quedaron en pé. A superficie do Lago subira ata 3 m e nela aboiaban enseres de todo tipo, vacas, cabras, pitas, cans…pero as persoas non subían á superficie.

Campanario de toque "a Concello" , onde se refuxiaron. Tamén correron cara as zonas máis altas, tellados e árbores.

Estado no que quedaron moitas das casas.
Ao fondo, o canón por onde baixou a tromba de auga e, en primeiro termo, unha das moitas cruces conmemorativas da traxedia.
Desolación absoluta na outrora idílica aldea de Ribadelago e que nesta arrepiante noite perde case un tercio dos veciños. Cóntanse 144 mortos, pero 116 deles dormen para sempre no ventre do Lago de Sanabria. Seica participaron submarinistas no intento de recuperación dos corpos, pero, segundo dixeran eles mesmos, case era mellor deixar a cousa como estaba e non amosar o lamentable estado no que quedaran as víctimas para engadir máis dor ás familias.
Xa Unamuno, na súa visita en xuño de 1930 ao lago, parece reflectir unha especie de premonición que subxace na súa obra “San Manuel Bueno, mártir” e nuns versos do Cancionero que rezan como segue:

[...]toque de agonía eterna

bajo el agua del olvido.

La historia paró; al sendero

de San Bernardo la vida

[...] Servir de pasto a las truchas

es, aun muerto, amargo trago;

se muere Riba de Lago

al margen de nuestras luchas.

Homes de Ribadelago quentándose a carón do pote. Foto exposta na Casa do Parque.

Mulleres de Ribadelago fiando á porta dunha vivenda con cuberta de colmo. Foto exposta na Casa do Parque.

Naturalmente, Unamuno refírese ao sulagamento do pensamento liberal e do progreso na España daqueles tempos e que simboliza nas aldeas, nas montañas, no lago desta zona e nun cura rural, Manuel (de San Manuel Bueno, mártir"), que malia ao xiro que experimenta a súa fe, tenta levar unha vida de sacerdocio impecable, ante os ollos do pobo. Manuel minte aos feligreses por considerar un deber de conciencia o respeto á súa devoción, á súa esperanza na vida eterna, xa que a terrenal lles é tan triste, dura e anodina. Nesa falla de coherencia entre o que pensa e o que predica, radica o seu "martirio". A montaña simboliza a fortaleza e permanencia da fe, fronte á continxencia do lago, onde se afunde a neve, a razón.

"Yo estoy para hacer vivir a las almas de mis feligreses, para hacerles felices, para hacerles que se sueñen inmortales y no para matarles. Lo que aquí hace falta es que vivan sanamente, que vivan en unanimidad de sentido, y con la verdad, con mi verdad, no vivirían. Que vivan. Y esto hace la Iglesia, hacerles vivir. ¿Religión verdadera? Todas las religiones son verdaderas en cuanto hacen vivir espiritualmente a los pueblos que las profesan, en cuanto les consuelan de haber tenido que nacer para morir, y para cada pueblo la religión más verdadera es la suya, la que le ha hecho. ¿Y la mía? La mía es consolarme en consolar a los demás, aunque el consuelo que les doy no sea el mío". San Manuel Bueno, mártir. Unamuno.

Ribadelago era un dos moitos exemplos naqueles tempos, de pobo humilde, labrego, con construcións de madeira e palla-barro, tranquilo, feliz, acariñado polo sol ao abrigo das montañas e que por non ter, nin xiquera tiñan dereito a pescar no Lago, ao ser de propiedade privada (recuperado para o Dominio Público no ano 1932 esgrimindo o argumento de que o Lago non é máis ca un ensanche do río Tera que entra por un lado e sae polo outro). Aínda hoxe se coñece aos seus habitantes como “bugueiros”, alcume que ven da práctica do furtivismo das bogas e troitas.

Calzado feito aproveitando neumáticos. Eran anos duros.

Porén, o calzado máis representativo eran os "cholos", semellantes ás "chancas" usadas en Galicia, con piso de madeira, coiro por arriba e cordóns tamén de coiro.

Franco ordena ao Consello de Ministros a reconstrución do pobo polo Ministerio da Vivenda que se fai nunha zona un pouco máis sombriza, alonxado das leiras e cun aspecto de pobo blanco andaluz, baseado no aspecto das vivendas do Plan Badajoz do ano 52. O réxime de adxudicación faise como “adopción” polo caudillo. Iso consistía en axudar ao seu pago co 40% do custe total por parte do Ministerio e o outro 60 debía ser satisfeito polo propietario. Bautizaráno como Ribadelago de Franco; hoxe chámano Ribadelago Nuevo.

As perdas estimáronse nuns 87 millóns de pesetas das daquela. Chegaron a recaudarse 12 millóns en donativos, chegadas mesmo dende Nova Zelanda. O Estado pagou 95.000 pts por home falecido, 80.000 por muller e 25.000 por cativo (as mulleres, como case sempre, estamos de oferta).

Houbo xuizo do 11 ao 15 de marzo de 1963 en Zamora. A sentenza que condeaba aos responsables –o xerente, dous enxeñeiros e un perito- a un ano de prisión menor por imprudencia temeraria, acabou trocándose en indulto por recurso da sentenza condenatoria, ante o Tribunal Supremo.

En canto a se as axudas chegaron aos damnificados, non hai máis que falar con varios para ver que cadaquén conta segundo lle foi ou lle vai hoxendía na “feira”. Para uns foi suficiente e xusto e, para outros, chegaron só a algúns privilexiados.

O certo é que todas aquelas humildes xentes que estaban alí o 9 de xaneiro de 1959, gardarán imborrable o recordo da traxedia e un vento frío fire a súas retinas cando nos narran como pasou.

A ARQUITECTURA

 

A vivenda é de volume regular e formas desordenadas, con fiestras e portas de reducidas dimensións para se adaptar ás condicións climatolóxicas e ás necesidades dos usuarios, e muros de sillar e mampostería e teitos de colmo ou lousa. Poden ser de planta baixa ou de alto e baixo con corredor de madeira ou sen el, adicando a parte superior a vivenda e o baixo ás cortes para os animais.

A GASTRONOMÍA

Tratándose dunha comarca adicada á gandeiría e á labranza, os produtos da terra son base da súa gastronomía: habones (enormes e manteigosos) con chourizo e morro, carne de xato sanabrés, caldo sanabrés (semellante ao caldo galego), cucurriles (os nosos cogordos-macrolepiota procera). Tamén teñen tradición a preparación do polbo (con poucas diferenzas con respecto ao noso) e a troita, que tanto abondou no lago e nos ríos da zona. Non debemos esquencer tampouco a repostería: Terrones (feitos con clara de ovo e améndoa), piedras de Sanabria (bombón e améndoa) tarta sanabresa (de fariña de améndoa e améndoa fileteada), torta de rixóns, etc. E, por suposto, o célebre pan de Mombuey e o cercano viño de Toro.

Premer nas receitas para velas a tamaño maior.

Moitas grazas:

Aos veciños de Ribadelago, pola información que nos proporcionaron malia o mal trago que lles supón recordar a súa traxedia.

Ao persoal da Casa do Parque, pola súa esmerada atención.

Ao alcalde de S. Martín de Castañeda e á súa familia por ter a amabilidade de abrirnos a igrexa románica do Mosteiro.

Asociación Cultural Via Auria, sen ánimo de lucro e con sede en Ourense. Número de Rexistro 2005/008617-1 (OU) © 2005 Via Auria

 

Atención telefónica de 17:00 a 20:30 horas | Asoc. Cult. Via Auria, sen ánimo de lucro. 2005/008617-1 (OU) 2005 | Conta: CaixaGalicia 2091-0471-35-3040002209